Cultura
Deputación de Lugo

O Museo Provincial exhibe unha colección temporal con pezas únicas das covas de Eirós (Triacastela), Valdavara (Becerreá) e Valiña (Castroverde)

cultura
Arqueoloxía
Covas
Exposición arqueolóxica
Esta nova mostra esta enmarcada dentro da II Xornada de divulgación do patrimonio Arqueolóxico lucense, e pode verse ata o 31 de marzo

O Museo Provincial exhibe unha colección temporal con pezas únicas das covas de Eirós (Triacastela), Valdavara (Becerreá) e Valiña (Castroverde). A Deputada de Cultura, Pilar García Porto coñeceu este xoves a nova exposición ubicada na sala 9 de Prehistoria e Arqueoloxía. Esta nova mostra esta enmarcada dentro da II Xornada de divulgación do patrimonio Arqueolóxico lucense, e pode verse ata o 31 de marzo. A colección contén materiais orixinais, reproducións, paneis explicativos así como material das tres covas lucenses de Eirós (Triacastela), Valdavara (Becerreá) e Valiña (Castroverde).

Hai que sinalar que é especialmente significativa a mostra de materiais da Cova Eirós tralo seu nomeamento como Ben de Interese Cultural, na que se amosan restos do Paleolítico Medio cunha selección de pezas líticas en seixo e cuarcita, así como material óseo con evidencias de acción antrópica do Paleolítico Superior con material lítico e reconstrución e remontaxe da explotación dun núcleo sobre prisma de cuarzo e dunha das puntas de proxectil.  Ademais da arte moble (colgante decorado), do Neo-Calcolítico a través do mundo simbólico e funerario coa exposición de restos humanos e dun colgante, e do mundo medieval .

Da cova da Valiña poden verse materiais conservados no Museo Provincial de Lugo desde a súa descuberta en 1962. Son principalmente restos óseos de fauna adscrita ao Paleolítico Superior: oso das cavernas, reno, cervo, cabalo e bisonte. E da cova de Valdavara hai imaxes e textos explicativos.

Resto de 100.000 anos
A exposición conta tamén cun texto introdutorio sobre as tres covas lucenses e outras cavidades calcarias de Galicia que nos falan da importancia do seu estudo como espazos de refuxo para animais e grupos humanos prehistóricos; ademais de rexistrar a historia xeolóxica da súa formación, a evolución das condicións paleoambientais, conservan moitos restos dende fai, cando menos, 100.000 anos.