Cultura
Deputación de Lugo

A Tradescola comeza un novo semestre de Concertos Didácticos coa colaboración da área de Cultura da Deputación

Maite Ferreiro
Tradescola
Presentación dos concertos didácticos da Tradescola
A Tradescola leva 11 anos achegándose aos centros educativos da provincia cos seus concertos didácticos. Este ano organiza actuacións en Castro de Rei, Castro Riberas de Lea, Cospeito, Muimenta, Mosteiro (Pol),Becerreá e Lugo.

Lugo, 10 de febreiro de 2020.- O próximo mércores 12 de febreiro, escolares do CEIP Ramón Falcón (Castro de Rei) e do CEIP Veleiro Docampo (Castro Riberas de Lea), participarán nos primeiros concertos didácticos que a Tradescola organiza en centros educativos de toda a provincia este 2020. Nos vindeiros meses os concertos didácticos tamén chegarán ao alumnado de Cospeito, Muimenta, Mosteiro (Pol),Becerreá e Lugo.

A Vicepresidenta da Deputación e delegada de Cultura, Maite Ferreiro, explicou que: “é moi importante que os máis pequenos aprendan a identificar e valorar os nosos sons tradicionais desfrutando coa aprendizaxe para que as nosas tradicións perduren no tempo”. 

A Tradescola, xestionada pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s, leva 11 anos achegándose aos centros educativos da provincia cos seus concertos didácticos. Unha actividade moi demandada polos centros, e que xa compartiu con milleiros de escolares a cultura galega a través da música.

Os mestres da Escola: Xabier Iglesias, Paula Fernández, Carme López e Germán Díaz, serán os encargados de mostrarlles ao alumnado de infantil e primaria os diferentes instrumentos, sons e ritmos da música tradicional, ao tempo que responderán ás dúbidas coa fin de espertar o interese da rapazada, que pode ser o futuro da música e o baile tradicional.

A Tradescola creouse en 2008 como unha aposta pola educación por parte da AGG, Conta con preto de 300 alumnos, entre nenos e adultos e con máis 800 socios. Ofrece clases de zanfona, acordeón, baile tradicional, gaita, requinta, canto e pandeireta; técnica vocal, percusión, linguaxe musical e aulas específicas para os máis pequenos. 

Ademais realiza monográficos, charlas e outras actividades relacionadas coa difusión da cultural tradicional, co obxectivo de incrementar a súa presenza na sociedade actual, traballando desde unha óptica actualizada e que analice a dimensión social da cultura tradicional.

Presentación dos concertos didácticos da Tradescola