Cultura
Deputación de Lugo

A Rede Museística reabrirá os seus centros co programa Lugo Diversx, que visibiliza a diversidade afectivo sexual

LGTBI
rede museística
Lugo Diversx
A programación, que se extenderá ata o 14 de novembro, inclúe palestras, exposicións,concertos, accións nas redes sociais e un certame de relatos e poesía

Lugo Diversx une as revindicacións do Día do Orgullo LGTBI+ coa temática do Día Internacional dos Museos en 2020, Museos pola igualdade: diversidade e inclusión.

Lugo, 22 de xuño de 2020.- A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, a xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, e representantes dos colectivos Arelas, Avante LGTBI+ e Sete Outeiros presentaron este luns a programación Lugo Diversx, que se desenvolverá desde hoxe ata o 14 de novembro con actividades orientadas á visibilización e recoñecemento da diversidade e da liberdade afectivo sexual.

Maite Ferreiro sinalou que “as actividades prográmanse na semana na que a Rede Museística Provincial recupera ás actividade presencias, unha coincidencia coa que queremos evidenciar unha vez máis o compromiso coa inclusión e a igualdade, coa que traballan os museos provinciais”. “Non só nestas datas nas que estas reivindicacións teñen un eco especial con motivo do Día do Orgullo LGTBI+, senon todos os días do ano”, subliñou a vicepresidenta na presentación do programa na que tamén interviron representantes dos colectivos que colaboraron no seu deseño.

Ferreiro sinalou a necesidade “de visibilizar e reivindicar mais ca nunca o dereito de todas as persoas a ser e vivir libremente” e advertiu “do perigo de certos discursos que fan retroceder á sociedade no recoñecemento desa diversidade afectivo sexual”.

Actividades de xuño a novembro

A programación inclúe palestras, exposicións, concertos, presentacións de libros e proxectos culturais e accións de visibilización nas redes sociais. Hoxe mesmo ponse en marcha nas redes sociais da  Rede Museística Provincial a iniciativa Vitrinas Dexeneradas, aberta á participación de calquera persoa. 

Usando os cancelos #VitrinasDexeneradas #MuseosDiversoseInclusivos #RMPL #lugoparati #lugodiversx #dim2020, cada participante poderá escoller un obxecto relacionado coas reivindicacións e a loita polos dereitos da comunidade LGTBI. As propostas sumaranse para crear unha exposición virtual colectiva.

O mércores 24 de xuño -no marco do programa cultural Tarde e Tardiña da área de Cultura do Concello de Lugo, que tamén colabora así con Lugo Diversx- poderá verse o espectáculo musical Soñando Inventei de María Faltri e Jorge Juncal (17.00 horas e 18.30 horas, na Calella do Hospital en Lugo). 

O venres 26 inaugurarase na Praza de San Marcos a exposición Lugo Diversx. Orgullosxs de ser, vivir e amar libremente, con 30 paneis que repasan a loita da comunidade LGTBI polos dereitos fundamentais.  Nos vindeiros meses, a mostra viaxará por  diferentes localidades da provincia.

Nos vindeiros meses, a programación continuará coa presentación de libros, palestras, un videoforum e mais o concurso de relatos e poesía de temática LGTBI+ e en galego.

Lugo Diversx