Deputación de Lugo
Turismo

A Mostra de Viños de Pantón, coa que colabora a Deputación, continúa potenciando a Ribeira Sacra

Viños de Pantón
Ribeira Sacra
A Mostra de Viños de Pantón, coa que colabora a Deputación, continúa potenciando a Ribeira Sacra
A cita enoturística celébrase os días 17, 18 e 19 de maio e conta coa colaboración da Deputación para apoiar ao sector vitivinícola na provincia e o turismo na Ribeira Sacra

Na feira, participan 8 bodegueiros e postos artesanais e de venda de produtos gastronómicos. O sábado tamén se celebra a 4ª Festa da Empanada e o domingo lerá o pregón a presentadora e actriz Eva Iglesias

Santos Ramos destacou que “coa promoción desta 26ª Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón potenciamos o sector vitivinícola e a economía da nosa provincia á vez que continuamos promovendo o turismo”

O Voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, participou este venres na apertura da XXVI Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón xunto ao Alcalde do Concello de Pantón, José Luis Álvarez Blanco e a Directora Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, Belén María do Campo Piñeiro. Este encontro festivo vinícola co que colabora a Deputación para impulsar a promoción dos viños e do turismo da Ribeira Sacra, celebrarase ata o domingo 19 de maio no Campo da Feira desta localidade. Estímase que se acheguen ao longo da fin de semana máis de 10.000 persoas.

Santos Ramos destacou que “coa promoción desta 26ª Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón potenciamos o sector vitivinícola e a economía da nosa provincia. Á vez, promovemos o turismo nun Concello que acaba de ser declarado municipio de interese turístico e nun entorno que reúne a maior concentración do patrimonio románico de Europa. Todo isto redunde positivamente no impulso da candidatura da Ribeira Sacra a converterse en Patrimonio da Humanidade.”

A Mostra de Viño de Pantón celébrase este ano 2019 nun contexto máis especial xa que no pasado mes de marzo oficializouse a declaración de Pantón como municipio de interese turístico e en abril a Ribeira Sacra foi elixida como proposta única para ser declarada de Patrimonio da Humanidade.

8 adegas participantes e 4ª Festa da empanada


Un total de 8 adegas da comarca participan na 26ª Edición da Mostra de Viños de Ferreira do Pantón que se celebra os días 17, 18 e 19 de maio no Campo da feira. Neste encontro vitivinícola exaltarase tamén un dos produtos gastronómicos estrela da comarca, a empanada, que este ano celebra a súa 4ª edición. Poderanse degustar produtos da terra e embutidos, queixos, doces ou licores da comarca. Esta ano a Mostra de Viños conta coa presenza dun maior numero de postos de venta de produtos artesanais comestibles e de madeira, cerámica, vidro...

Programación


O sábado dia 18, a partir das 14:00 horas terá lugar a IV Festa da Empanada no recinto do Castro, con venda de empanadas e produtos da terra. Ás 22:30 actuará o grupo musical Señor Aliaga. Durante todo o día haberá actuacións das Charangas Louband, Europa e Fuego

O domingo día 19, os actos comezarán con pasarrúas pola vila da banda de gaitas O Castro. Ás 12:30 horas haberá a recepción de autoridades no recinto feiral e a partir das 13:00 horas será o pregón da Mostra a cargo da presentadora e actriz da TVG Eva Iglesias. A música estará presente durante toda a xornada.