Cultura
Deputación de Lugo

Máis de 300 asociacións recibirán axudas para a realización de actividades culturais

Xunta de Goberno
cultura
Xunta de Goberno. Axudas para actividades culturais
O programa esta dotado cun orzamento de 280.000 euros e é unha das liñas máis importantes para a dinamización do tecido cultural da Provincia.

Lugo, 11 de decembro de 2019.- A Xunta de Goberno da Deputación, aprobou este mércores a concesión de 332 axudas para asociacións culturais para a realización de actividades de interese cultural durante a anualidade 2019. Trátase de subvencións de concorrencia competitiva que benefician ao tecido asociativo de 54 concellos da Provincia.

O programa esta dotado cun orzamento de 280.000 euros, que se divide entre as asociación baseándose en criterios como o  grao de consolidación das actividades e o seu interese, pero tamén baremos sociais como o fomento da igualdade, a inclusión de persoas con capacidades diferentes ou o grao de dispersión territorial. As entidades reciben axudas que van desde os 400 ata os 1.300 euros.

Trátase dunha das liñas máis importantes para a dinamización do tecido cultural, pois entre as actividades subvencionadas atópanse festas populares, como o entroido, magostos e feiras; viaxes culturais, publicacións de libros e revistas; concertos, teatro, clases de música e manualidades, ou festivais con gran implantación na Provincia como son o Festival da Chaira ou o Festival de Pardiñas.