Cultura
Deputación de Lugo

Lugo será a sede da Conferencia Internacional sobre Museoloxía Social de MINOM-ICOM

Maite Ferreiro
REDE MUSEÍSTICA PROVINCIAL
MINOM-ICOM
ENCARNA LAGO
Presentación MINOM-ICOM
Os catro museos da Rede Museística Provincial organizarán e acollerán os relatorios e actividades que se desenvolverán no encontro do 25 ao 27 de xuño


Lugo, 3 de febreiro de 2020.- No vindeiro mes de xuño, Lugo será, xunto con Lisboa, sede da Conferencia Internacional do Movemento Internacional para unha Nova Museoloxía (MINOM), unha organización que promove  espazos museísticos abertos e integrados no territorio e nas comunidades das que forman parte.

A Vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, e a Xerente da Rede Museística, Encarna Lago, nun acto no Museo Provincial de Lugo presentaron este foro. Na presentación, tamén participaron Ana Goy Diz, do Centro de Estudios da Cidade da USC, Mario Chagas, de MINOM-Museo da República de Brasil, e Mário Moutinho, de MINOM Portugal - Universidad Lusófona de Lisboa, que integran o comité organizador. Os dous últimos interviron a través de videoconferencia.

Trátase da vixésima edición desta Conferencia, que terá lugar os días 22 e 23 de xuño en Lisboa e 25, 26 e 27 en Lugo, e contará coa colaboración da UNESCO, Ibermuseos, ou ICOM, entre outras intitucións. Baixo o título: “Cara a unha museoloxía 4D: social, política, ambiental e economicamente sustentábel”, o MINOM desenvolverá nos catro Museos da Rede un espazo de reflexión comprometido coa filosofía da museoloxía social e coas estratexias de sustentabilidade. 

Maite Ferreiro destacou “a importancia deste evento, que se celebrará por primeira vez en Galiza e no Estado”  e agradeceu a MINOM a elección da Rede Museística como sede, “un recoñecemento ao traballo que desenvolve esta entidade e un escaparate internacional para os seus museos e por extensión unha oportunidade para a proxección da nosa cultura”.

Encarna Lago explicou que este é “o evento máis importante da museoloxía internacional, e que pon o foco en Lugo e na forma de traballar da Rede Museística, onde a prioridade son as persoas”.

MINOM

O Movemento Internacional para unha Nova Museoloxía foi fundado en 1985 en Lisboa, durante o Segundo Obradoiro Internacional de Nova Museoloxía, pero os seus principios ideolóxicos nacen na Declaración de Santiago, asinada en Chile en 1972. Forman parte do MINOM institucións de 11 países que traballan fomentando a participación cidadá dentro das organizacións museísticas, a recuperación da memoria e poñendo en valor o patrimonio cultural, natural e a diversidade cultural.

Holanda, Irlanda, Cuba, Brasil ou Arxentina son algúns dos países que acolleron este encontro internacional na última década. Por primeira vez, a sede será compartida. Esta será a primeira vez que a organización dos evento se faga de forma conxunta.

A matrícula para participar na xuntanza está aberta. As persoas interesadas deberán poñerse en contacto coa organización a través do correo electrónico xxconferenciaMINOM@gmail.com.

 

 Descargar o programa Completo