Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro reciben as axudas do plan de prevención de lumes “O Que Non Arde” de Medio Rural

PREVENCIÓN DE INCENDIOS
O QUE NON ARDE
Mónica Freire
Mónica Freire avanzou que se convocará a segunda edición do programa, con novas liñas de axuda ligadas a actividades silvopastorís nas Comunidades de Montes Veciñais en Man Común con gandaría extensiva

"Este plan é un apoio aos concellos que están a cumprir coa lexislación en materia de prevención de incendios, conscientes do esforzo económico que isto lles supón, xa que a Xunta de Galiza descargou nos municipios a responsabilidade sen achegar ningún recurso", expuxo a deputada

Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro beneficiáronse da primeira convocatoria do programa de prevención de lumes “O Que Non Arde”  posto en marcha pola Área de Medio Rural, Mar e Mocidade para contribuír ao mantemento das faixas de protección contra os incendios.

A convocatoria contemplaba dúas liñas de axuda para os concellos que cumpriran a lexislación en materia de prevención: a primeira para a limpeza dos laterais das vías municipais, solicitada polo tres concellos, e a segunda para a repoboación das faixas de xestión de biomasa con árbores autóctonas, demandada só no caso do concello de Ribadeo. A  área de Medio Rural investiu máis de 36.000 euros nestas actuacións.

“O plan é un apoio aos concellos que están a cumprir coa lexislación en materia de prevención de incendios, conscientes do esforzo económico que isto lles supón, xa que a Xunta de Galiza descargou nos municipios a responsabilidade de actuaren sen achegar ningún medio ou recurso para que poidan facelo”, expuxo a deputada Mónica Freire.

Os proxectos presentados polos concellos foron estudados por unha comisión técnica, que avaliou tanto a súa calidade técnica como o cumprimento da normativa en materia das obrigas de xestión da biomasa vexetal, prevención e extinción de lumes ou as accións de execución subsidiaria e procedementos sancionadores realizados dende o propio concello.

Nova edición do programa “O Que Non Arde” en 2021

A área de Medio Rural traballa xa na segunda edición do programa “O Que Non Arde” para poñela en marcha en 2021 con novas liñas de axudas, segundo avanzou a deputada Mónica Freire.

“Entre as novidades estará o apoio para a promoción de actividades silvopastorís nas Comunidades de Montes Veciñais en Man Común con gandaría extensiva que contribúan a reducir o risco de lumes pola elevada cantidade de biomasa existente nos nosos montes",explicou a deputada nacionalista.

Mónica Freire explicou que “desde a posta en marcha do programa recibimos consultas de máis da metade dos concellos da provincia, o que amosa o interese e a necesidade de reforzar esta liña de traballo”. “A casuística detrás dos lumes forestais é complexa, pero resulta evidente que o camiño para atallar esta problemática pasa pola prevención, pola ordenación do territorio e o aproveitamento multifuncional do monte”, concluíu.