Cultura
Deputación de Lugo

O Centrad organiza obradoiros e demostracións de esgrafiado e cestería para celebrar os Días Europeos da Artesanía, do 6 ao 11 de abril

CENTRAD
DÍAS EUROPEOS DA ARTESANÍA
“Priorízanse as actividades ao aire libre, que facilitan que a cidadanía se achegue á artesanía”, sinalou Efrén Castro

O prazo para  anotarse nos obradoiros, a través do correo info.centrad@deputacionlugo.org, estará aberto ata o venres, 2 de abril

O Centro de Artesanía e Deseño da Vicepresidencia da Deputación súmase a celebración dos Días Europeos da Artesanía, do 6 ao 11 de abril, cunha programación que visibiliza os oficios artesáns e sitúa a artesanía lucense e galega no marco dunha efeméride internacional. 

Durante esas xornadas, a artesá Carola Carrot dirixirá a elaboración dun mural de esgrafiado na porta principal do Centrad, un proceso que poderá seguirse por parte de todas as persoas que se acheguen ata o lugar.  Ao tempo, no Centro de Cestería do Paseo do Río Rato, desenvolveranse talleres de distintas técnicas de cestería a cargo de Idoia Cuesta, Lola Tourón e Carmen Fieiras

O deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, explicou que “se trata dun programa no que se priorizan as actividades ao aire libre, que facilitan que a cidadanía se achegue á artesanía e se interese por técnicas tradicionais que se manteñen con usos e funcións adaptadas á sociedade na que vivimos”.  No caso do mural de esgrafiado na porta principal do Centrad, Efrén Castro subliñou que “é unha intervención que permanecerá, dando máis visibilidade ao Centro de Artesanía e Deseño e contribuíndo tamén á humanización da cidade”

Ademais, repasou, “facilitarase o acceso á Colección de Instrumentos que temos exposta de forma permanente no Centrad. Trátase dunha das mostras máis importantes de Europa no que ten que ver coa música medieval e cremos que esta celebración é unha boa oportunidade para seguir impulsando o seu coñecemento tanto na cidade como fóra dela”.

Nese sentido, o deputado indicou que as programacións organizadas polos Días Europeos da Artesanía acadan, grazas a esa rede europea, unha difusión moi importante tanto dentro como fóra do propio sector e contribúen a situar a artesanía lucense e galega no contexto internacional”. 

Elaboración dun mural de esgrafiado no exterior do Centrad

O obradoiro de esgrafiado de cal, unha técnica artesanal de revestimento de paredes moi habitual en construcións tradicionais en Lugo e Ourense, consistirá na elaboración dun mural conmemorativo con esta técnica, nun muro a carón da porta principal do Centrad. As persoas interesadas poderán achegarse a seguir a evolución do traballo.

Carola Carrot, especialista neste tipo de intervencións, dirixirá a elaboración do mural, no que colaborarán catro persoas máis, previamente seleccionadas.  As interesadas deberán solicitalo previamente a través do correo electrónico info.centrad@deputacionlugo.org, do 29 de marzo ao 2 de abril. Terán preferencia as persoas que se dediquen á artesanía e á canteiría  ou quen teña un proxecto de esgrafiado de carácter público ou ao redor dunha vivenda no rural. 

A grandes liñas, o esgrafiado consiste na superposición de capas de morteiro de cal con distintas cargas de árido ou ben tinguidas para, posteriormente, recortar as superficies de maneira que quedan á vista as inferiores, dando lugar a un mural en relevo e con contraste de texturas e tons.  

Os revestimentos esgrafiados son habituais en boa parte da Península Ibérica, tamén en Galiza, especialmente nas provinciais de Lugo e Ourense. Pódense ver en todo tipo de construcións, desde muros, vivendas, pazos ou igrexas ata  hórreos, palleiras ou muíños.

As propiedades do cal convérteno nun material inmellorable para o seu uso como recubrimento. Desde o punto de vista arquitectónico, serve de protección (regula a humidade, ofrece  compacidade e resistencia), ten propiedades  antisépticas e  antimicrobianas. Desde o punto de vista estético, ofrece numerosas posibilidades (disimula fábricas humildes ou deterioradas, pode imitar arquitecturas sofisticadas, achégalles luminosidade ás fachadas e ofrece moitas posibilidades de ornamento) e, tamén, ten carácter simbólico e de identidade.

Talleres de cestería no Paseo do Río Rato

Na lugar do Taller de Cestería no Paseo do Río Rato, celebraranse os obradoiros de restauración de celosías de vimbio vivo, iniciación á cestería de medula, elaboración de estruturas xeométricas coa técnica niño, elaboración de bandexa de vimbio, elaboración de bandexa de medula con nó celta e iniciación á cestería de varas.

Os obradoiros, impartidos polas cesteiras Lola Tourón, Carmen Fieiras e Idoia Cuesta, están pensados para ofrecerlle ao público en xeral un primeiro achegamento ao oficio a través de técnicas sinxelas e resultados accesibles.

Para participar presentarase unha única solicitude por persoa, a través de correo electrónico info.centrad@deputacionlugo.org, do 29 de marzo ao 2 de abril. Terán preferencia as persoas en idade laboral e que non participaran noutros cursos de cestería organizados polo Centrad.

Lugo conta cunha importante tradición de cestería orixinaria do mundo rural, cestería de vimbio, de colmo, mixta ou de láminas de madeira que, coa chegada da revolución industrial, foi caendo en desuso pero que, a día de hoxe, impulsada por unha sociedade máis consciente e respectuosa coa contorna, está a experimentar un rexurdimento da man de mulleres cesteiras profesionais que souberon adaptarse  aos novos tempos  dando resposta ás necesidades das persoas, tanto a nivel utilitario como experiencial.

É o caso das tres profesionais que impartirán os talleres:

- Lola Tourón, con ampla experiencia no traballo con vimbio vivo, será a encargada do obradoiro de restauración das estruturas en forma de celosía que se atopan no terreo e da elaboración, co seu alumnado, de volumes xeométricos tecidos coa técnica niño, tamén chamada caos ou maraña.

- Carmen Fieiras, dunha tamén longa traxectoria profesional e docente,  e con taller inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, farase cargo dos obradoiros de medula e de iniciación á cestería de varas.

- Idoia Cuesta, Premio Nacional  de Artesanía, e internacionalmente coñecida polo seu traballo da man de grandes deseñadores e as súas incursións no mundo da moda, arquitectura e decoración, será a encargada de elaborar cos seus alumnos e alumnas unha bandexa de vimbio moi semellante ás pezas que ela mesma elabora dentro das súas coleccións para alta cociña.

Visitas á Colección de Instrumentos Musicais

Coincidindo cos Días Europeos da Artesanía, o Centrad facilita ás visitas á Colección de Instrumentos Musicais e Obxectos Sonoros. Así, amplíase o horario de acceso á exposición, que será de 10.00 a 20.00 horas os días 6,7,8 e 9 de abril.  Ás 11.00 horas, 13.00 horas, 17.00 horas e 19.00 horas ofreceranse visitas guiadas. Non será necesaria cita previa, aínda que o acceso se levará a cabo coa máxima seguridade,  atendendo ás restricións sanitarias e ata completar o aforo.

A colección está constituída por fondos procedentes da antiga sección de música do Museo Provincial de Lugo, fondos de produción propia froito de diferentes proxectos de investigación, adquisicións, doazóns e depósitos de particulares. Completan a colección importantes fondos documentais e bibliográficos reunidos ao longo dos 70 anos de historia desta colección. A tipoloxía dos seus bens abrangue instrumentos de música, tanto do patrimonio musical galego como numerosos exemplares procedentes doutras culturas, instrumentos mecánicos, obxectos e xoguetes sonoros, indumentaria tradicional e réplicas en petro de iconografía musical. Destaca a colección máis importante en Europa de instrumentos de corda medievais dos séculos XII e XIII.

Días Europeos da Artesanía

Con estas propostas, o Centro de Artesanía de Deseño súmase á celebración dos Días Europeos da Artesanía, que ten a súa orixe en Les Journées Européennes des Métiers d’Art que organiza en Francia o Institut National des Métiers d’Art (INMA) desde 2002, e que este ano se celebra de forma simultánea en 20 países.

O obxectivo das xornadas é achegar o traballo artesán ao público, para difundir a súa riqueza e singularidade. A iniciativa, promovida en España pola Fundación Española para la Innovación de la Artesanía (Fundesarte), é coordinada en Galiza pola Fundación Pública Artesanía de Galicia.