Cultura
Deputación de Lugo

Murais para homenaxear Rosalía en espazos públicos de Alfoz, Foz, Barreiros e Viveiro

ROSALÍA DE CASTRO
VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
MURAIS
GRAFFITI
CONCEPTO CIRCO
VAN KRAFT
Teatro
Concepto Circo e Van Kraft encargaranse das intervencións artísticas, que se realizarán ao longo da semana e que forman parte das actividades organizadas pola Vicepresidencia arredor da autora

 Alfoz, Foz, Barreiros e Viveiro acollerán nos vindeiros sete días cadansúa intervención artística arredor da figura de Rosalía de Castro. Os graffiteiros e muralistas Manuel Andrés Pallín, de Concepto Circo, e Van Kraft encargaranse de realizar murais que evocan a autora en diferentes espazos públicos.

No caso de Alfoz, o mural realizarase nun lateral do pavillón polideportivo mañá martes. O venres, a intervención será nun muro do polideportivo situado a carón da Praza de Rosalía de Castro de Foz, no Campo da Cabana. O sábado será a quenda de San Cosme de Barreiros, que homenaxeará Rosalía no parque de skate situado a carón do teleclube, recentemente instalado. Por último, o luns 19  a figura da autora cabeceira da literatura galega renovará a entrada da biblioteca pública de Viveiro.

As intervencións artísticas forman parte da programación organizada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo arredor da figura de Rosalía de Castro, en colaboración con concellos e centros educativos.  A axenda, que botou a andar o pasado 24 de febreiro, coincidindo co aniversario do nacemento da poeta, inclúe a realización dunha vintena de murais e quince representacións teatrais coa figura de Rosalía de Castro como elemento común.

Os murais de Rosalía xa locen noutros concellos da comarca como Ribadeo, na rúa Rodríguez Murias, no centro histórico da vila, e  Lourenzá, na entrada do CEIP Juan Rey. Ademais, nas últimas semanas, celebráronse representacións da obra “Rosalía”, dirixida por Fina Calleja, nos concellos do Vicedo, Cervo e Foz.

A vindeira cita co teatro na Mariña será o vindeiro xoves 22 de abril, véspera do Día do Libro, en Lourenzá coa representación da obra “A viaxe de Rosalía”, dirixida por Larraitz Urruzola.  Trátase dun espectáculo de monicreques unipersoal, onde da man da narradora e titiriteira, con maletas cargadas de monicreques, teas, zapatos e libros, coñeceremos parte da obra e da biografía  da autora.

“Linguaxes actuais para homenaxear a Rosalía”

A vicepresidenta da Deputación Maite Ferreiro sinalou que “son propostas que invitan a achegarse á figura de Rosalía de Castro desde unha perspectiva actual, con linguaxes e argumentos que conectan coa mocidade e que permiten poñer en valor todas as dimensións da figura de Rosalía, autora cabeceira da nosa literatura, pero tamén referente na defensa das mulleres, dos dereitos sociais e da lingua e da cultura”

“O ano pasado concentramos a programación no mes de febreiro, coincidindo co aniversario do seu nacemento pero, dada a situación sanitaria, nesta  edición optamos por flexibilizar o calendario e facilitar que estas actuacións e intervencións artísticas poideran realizarse ao longo do ano. A iniciativa tivo moi boa acollida polo que, ao finalizar a programación, teremos chegado a unha vintena de concellos de todas as comarcas”, concluíu a vicepresidenta.