Cultura

O Museo de Lugo inaugura unha mostra que conmemora o centenario do nacemento da revista Nós

GRUPO NOS
GALIZA CULTURA
MUSEO PROVINCIAL DE LUGO
Maite Ferreiro
Exposición
Maite Ferreiro inaugurou a exposición con paneis que repasan a historia da publicación e a súa contribución á universalización da cultura galega

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, participou esta tarde na inauguración da mostra “Ser diferente é ser existente. Nós, de onte a hoxe. 100 anos de historia”, que conmemora o centenario do nacemento da revista Nós.

A exposición, que poderá verse no Museo Provincial de Lugo ata o vindeiro 1 de abril, realiza un percorrido pola significación e a obra dos principais persoeiros da Xeración Nós como Vicente Risco, Castelao, Otero Pedrayo ou Ánxel Casal e afonda no seu legado a través dos estudos realizados por autores como Carvalho Calero, homenaxeado no Día das Letras Galegas 2020.

Na inauguración, Maite Ferreiro fixo alusión a esta coincidencia para destacar  “o 2020 como un ano cun significado especial para a cultura galega” e “convidou a visitar unha mostra imprescindible para afondar na historia contemporánea de Galiza e nun proxecto de país que foi brutalmente cortado pola violencia da Guerra civil española e da ditadura franquista”.

Tras a presentación, na que tamén interviu Pilar García Negro, membro da comisión organizadora da mostra, promovida pola Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura, o comisario da mostra, Carlos L. Bernández, guiou as persoas asistentes polos paneis instalados no refectorio do Museo, que reproducen algunhas das páxinas publicadas na revista Nós desde o seu primeiro número, que viu a luz o 30 de outubro de 1920, até 1936, cando deixou de publicarse por causa da persecución á que os seus promotores foron sometidos polos sublevados fascistas.