Cultura
Deputación de Lugo

Unha actuación musical conmemora en Lugo a data da primeira vez interpretación do himno galego, o 20 de decembro de 1907 na Habana

ÁREA DE CULTURA
HIMNO GALEGO
Cantigas e Frores
Cuarto Ciclo da USC
Cántigas e Frores e a coral do alumnado do IV Ciclo da USC interpretarán o mércores a versión orixinal do himno, co apoio da Vicepresidencia da Deputación e da área de Cultura do Concello de Lugo

A coral Cántigas e Frores, acompañada pola coral do Alumnado do Cuarto Ciclo da USC, actuarán o vindeiro mércores na rúa Quiroga Ballesteros de Lugo (20.00 horas) para conmemorar a data en que o himno galego se interpretou por primeira vez institucional e oficialmente, o 20 de decembro de 1907 no Gran Teatro da Habana.

O acto, que conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e da área de Cultura do Concello de Lugo, é promovido por Vía Galega e Galiza Cultura, que impulsan actividades similares en Compostela, Ferrol, A Coruña, Arzúa, Vigo, Pontevedra e Ourense.

A deputada de Cultura Iria Castro e a concelleira de Cultura Maite Ferreiro animaron “a asistir a este acto co que queremos contribuír a lembrar un fito histórico como é a primeira interpretación oficial do himno galego e a divulgar os nosos símbolos, como expresión da identidade e parte do patrimonio cultural propio” e valorou a participación da Coral Cántigas e Frores, continuadora da Coral Cántigas e Aturuxos, a primeira coral que gravou o himno, en 1918”.

O himno galego, igual que outros himnos nacionais, nace a partir dun certame musical convocado con este propósito na Coruña en 1890. O certame premiou como mellor marcha para orfeón sobre o poema “Os Pinos” de Eduardo Pondal a composición de Pascual Veiga.

Despois de diversas vicisitudes, a partir da interpretación no Gran Teatro da Habana, o himno extendeuse na colectividade emigrante de Cuba, e foi acollido polo movemento galeguista e nacionalista, nomeadamente polas Irmandades da Fala que o divulgou en toda a sociedade.

A actuación encádrase no apoio que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo ven dando a investigación, recuperación e visibilización do Himno Galego con iniciativas como a edición dun caderno divulgativo coa versión orixinal da composición de Eduardo Pondal e Pascual Veiga.

A publicación, que se puxo a disposición de asociacións culturais, centros educativos e bibliotecas, documenta o proceso de creación e elección da peza como símbolo nacional e explica as alteracións e erros textuais, aínda sen rectificar, cos que se incorporou á Lei de Simbolos de Galicia.

Cartel himno