Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia pon en marcha un programa anual de formación en xoiaría e tear no Centrad

CENTRO DE ARTESANÍA E DESEÑO
Formación
xoiaría
teares
As actividades, que se dividen en cinco programas básicos e de especialización, celebraránse entre os meses de abril e novembro

As persoas interesadas poden inscribirse a través da páxina web dende o luns 15 ao xoves 18 de abril

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a través da área de Artesanía, pon en marcha un programa de formación que terá lugar entre os meses de abril e novembro. Os cursos celebraranse no Centrad e estarán enfocados a xoiaría e teares. O vicepresidente e deputado da área Efrén Castro destacou o valor destas ensinanzas que permiten “achegar a toda a poboación os procedementos básicos e desenvolver a creatividade do alumnado, así como adentrarse en novas técnicas”.

As persoas interesadas poden presentar as solicitudes do 15 ao 18 de abril a través da páxina web da Vicepresidencia provincial, cumprimentando os datos solicitados ao correo info.centrad@deputacionlugo.org. A selección de participantes realizarase por rigorosa orde de inscrición e só se admitirán as solicitudes remitidas dentro do prazo establecido.

A primeira formación será Técnicas Básicas de Xoiaría I, con 52 horas, e que será impartida por Estefanía Gazol Valcarcel (Milbrumas) a partir do 22 de abril. Este curso celebrarase ata o 14 de maio, en horario de luns a xoves de 16:30 a 20.30 horas e contará cun máximo de 6 alumnos. Está pensado para todos os públicos e achegará unha visión xeral do taller e a introdución nos procedementos básicos de fabricación en ourivería. 

Posteriormente a ensinanza complementarase do 3 ao 24 de xuño co curso de Xoiería creativa en horario de tarde de luns a venres. Neste caso, preténdese desenvolver a capacidade de investigación e creatividade do alumnado, co desenvolvemento libre de pezas de xoiería  a partir da combinación de materiais de distinta natureza. Xa no mes de novembro terá lugar a segunda parte de Técnicas Básicas de Xoiería, formación para que é necesario o certificado do curso que se celebra este mes. 

Ademais terán lugar dúas formacións en teares da man de Lourdes Otero, de Fusaiola. Os meses de maio e xuño, do día 6 de maio ata o 17 de xuño, está previsto o curso de Tear de Baixo Lizo cun total de 100 horas de formación de luns a xoves de 10 a 14 horas. Neste caso coñecerase unha visión xeral do taller e os sete alumnos realizarán unha introdución nos procedementos básicos e iniciaranse no tapiz. Xa no outono, entre o 14 de outubro e o 25 de novembro, terá lugar o Tear de Alto Lizo, no que, ademais será o alumnado o que monte o seu tear e confeccione unha peza. Tamén será en horario de mañá e contará con 10 prazas. 

“Trátase dunha formación coa que buscamos poñer en valor o noso patrimonio, a nosa artesanía e as nosas tradicións. Un programa anual para que aquelas persoas que o desexen se formen de balde nestas áreas, achegando ademais novas alternativas laborais. Agardamos que sexa todo un éxito para seguir dando a coñecer a nosa artesanía”, explicou o deputado. 

 

INSCRICIÓNS