Quen é Amelia Amigo?
Amelia Amigo Santín é de Noceda de Cervantes. Pequena dunha familia de sete irmáns, asistiu á saída de todos eles da casa, mentres decidía que ela permanecería na mesma. Foi determinante o feito de que a súa nai falecera cando ela era aínda unha adolescente e de que o seu pai permanecera no fogar para que decidise quedar.
Primeiros pasos profesionais
Comezou a traballar de voluntaria no CDR e foise formando facendo cursos e formación no centro. O que ela buscaba era algo que lle permitise non deixar só a seu pai. Por outra banda, ocorreu que nos Colexios de Educadores Sociais se convalidou a experiencia laboral asociada, motivo polo que Amelia pode traballar como educadora a pesar de que non conte coa titulación regrada. Sempre expresa que a súa formación lla debe ao CDR e ás persoas coas que traballou, e compara a súa oportunidade coa actual Formación Profesional Dual. Combinaba o traballo no CDR co traballo nunha casa e con outro (de fins de semana) no sector da hostalería. Posteriormente xa entrou a traballar a xornada completa no Centro, e daquilo fai xa case trinta anos.
Hoxe en día Amelia traballa no Centro de Desenvolvemento Rural Ancares (CDR) e as súas áreas principais de traballo son as mulleres e as persoas maiores. O Programa de Muller impulsa actividades e formacións con mulleres da contorna, tendo moi en conta as necesidades delas. Unha das actividades prioritarias foi tratar de que todas as mulleres sacasen o carné de conducir, xa que se atopaban nunha total dependencia do marido. Fíxose tamén formación no ocio e no tempo libre e tamén formación para acceder aos certificados de profesionalidade e de certificación de competencias clave. Preto de corenta mulleres foron xa certificadas profesionalmente no sector da axuda a domicilio en Cervantes.
Outra parte (menos visible, pero esencial) do traballo de Amelia son as visitas a domicilio. Establece en cerca de vinte o número de pobos nos que hai soamente unha muller, aínda que haxa outros homes con ela. Trátase de persoas que viven en familia e que contan con importantes cargas familiares, polo que é importante o acompañamento de quen coida. O xeito de traballar de Amelia pasa tanto polas visitas individuais coma pola organización de grupos de mulleres que se reúnen na casa dunha en concreto.
Doutra banda, o Programa de maiores ocúpase de acompañar aquelas persoas que, ou están soas, ou viven acompañadas de outras persoas maiores. Dende o CDR préstase servizo de axuda a domicilio naqueles casos onde non chega o concello ou non está aprobada a situación de dependencia. Así mesmo realízase un acompañamento aos hospitais, sobre todo para axudarlles a comprender ás persoas o modelo de hospitais grandes como pode ser o HULA. O confinamento fixo que as necesidades de determinadas persoas maiores se disparasen, polo que dende o CDR aumentaron o traballo de achega de alimentos e medicamentos aos fogares.
En xeral, comprender o traballo de Amelia dentro do CDR pasa por entender que ela é un nexo entre o CDR e a comunidade. O feito de traballar nun lugar extenso pero de baixa poboación permite coñecer case ao detalle o que se precisa dentro de cada familia, polo que máis alá dos programas concretos Amelia é unha traballadora que o que pretende é mellorar a calidade da vida da xente que, en xeral, habita a montaña.
Muller e rural
A muller xoga, segundo Amelia, un papel crucial no mantemento e no desenvolvemento rural. Se se pensa nun fogar rural prototípico, as mulleres ocúpanse do traballo na explotación, do coidado das persoas dependentes, do coidado das crianzas e incluso se ocupan da súa propia formación e manteñen o motor para colaborar en todas as actividades que se impulsan. É máis, culturalmente as mulleres son tamén activadoras dos homes.
De xeito sobrado as mulleres demostran as súas capacidades, polo que non considera Amelia que as propias comunidades rurais teñan fortes estereotipos ou valoracións negativas delas.
Cultura e medio rural
Dende o CDR é priotitario apoiar calquera iniciativa que poida xurdir no medio rural. Dende o mesmo saíron Os Xardois ou tamén A Cambela, aínda que tamén se colabora de xeito moi especial coa ANPA. Amelia valora que, aínda que a colaboración dos pais e nais é imprescindible, a mocidade está moi activa. Recoñece que existen poucos lugares que teñan un tecido asociativo tan forte como existe en Cervantes, o cal é sorprendente tendo en conta a extensión que ten o concello.
Despoboamento e medio rural
Amelia explica que non se trata de afirmar de xeito categórico se existe ou non soidade no medio rural. Considera que pode haber máis persoas que se sintan soas noutros lugares, pero que o problema chega cando todas as persoas dun mesmo pobo se fan maiores. Non obstante existen aínda moitos pobos onde segue habendo convivencia entre xeracións, o cal permite que o acompañamento sexa diario.
A falta de persoas novas é algo que preocupa tamén de cara a dar un servizo de atención a maiores. Tanto dende o concello coma dende o CDR hai un importante problema para cubrir este tipo de emprego, sobre todo polas dificultades asociadas ao territorio. As distancias entre algúns puntos de Cervantes superan a hora de traxecto en coche, o que dificulta a presenza profesional en todos os lugares, pero non a impide. Neste sentido, o CDR é un exemplo da importancia de adaptarse e coñecer tanto as necesidades das persoas que perciben o servizo coma das persoas traballadoras, para poder chegar a un equilibrio entre as partes.
Relacionada con esta cuestión aparece o modelo das residencias de maiores. Amigo analiza a súa realidade e conta, con convencemento, que esa decisión é a última que se aplica na contorna. Unha persoa que se atopa en situación de dependencia pero fixo toda a súa vida nunha cidade, non percibe o desapego que pode sentir alguén do medio rural que muda de xeito notable o seu xeito de vida. O illamento da familia, do fogar e da veciñanza é algo percibido coma dramático para aquela persoa que se sente expulsada.
É preciso, segundo Amelia revisar as políticas que se fan dende as administracións. Aquelas condicións que son favorables nas cidades non o son ás veces dende o medio rural, xa que son outras as cuestións ás que se deben atender.
Aínda que a xente marcha do medio rural para estudar, sí que se producen certos casos de retorno. Na anterior crise (2008) tamén se contou con algún exemplo de persoa que retornou ao medio rural. Sí existen casuísticas de persoas (xeralmente homes) que traballan no medio rural, pero que teñen a familia en lugares máis poboados, como son as capitais de provincia ou as cabeceiras de comarca.
Presente e futuro do medio rural
Amelia sinala que o futuro e o presente do medio rural para por facer investimentos no mesmo. É preciso mellorar os servizos educativos para evitar que as mozas e mozos marchen a idades moi temperás, así como tamén sería necesario dinamizar os sectores laborais, para ofrecer posibilidades alternativas á gandeiría e á agricultura.
Por outra banda, recorda a necesidade de facilitar os trámites para que as persoas edifiquen ou emprendan no medio rural. A forte demora dos tempos ou os requisitos non adaptados ás persoas do medio rural fan que sexa complexo establecer unha actividade no lugar.
Identidade rural
Se puidese darlle a alguén un consello, Amelia recomendaríalle que sempre faga aquilo que lle gusta. Sen embargo insiste en recordarlle á xente as vantaxes de habitar un lugar non urbano. A conciliación é máis sinxela nestas comunidades, sobre todo polas posibilidades que ofrece á hora de traballar de xeito autónomo tomando as posibilidades produtivas da contorna. É preciso dirixir os discursos familiares cara o positivismo de habitar o lugar, xa que as nenas e nenos precisan mirar o medio dende un punto de vista xusto e desligado de estereotipos.