Cultura
Deputación de Lugo

Muimenta será a capital dos xogos tradicionais co XI Xotramu, co que colabora a Deputación

Cospeito
Muimenta
XOTRAMU
XI XOTRAMU
Trátase da única festa en Galicia dedicada a este tipo de xogos que se celebra o domingo 2 de xuño no Campo da Igrexa Vella de Muimenta, no Concello de Cospeito

Haberá exhibicións dun cento de xogos tradicionais como a billarda, birlos, tirapedras, xincana de xogos populares e un campionato de bolos, entre outros

Vidal Baamonde convidou aos lucenses a achegarse ata Muimenta o vindeiro domingo “por tratase dunha xornada de ocio especial para coñecer os costumes e a etnografía da nosa provincia”

Visitantes e veciños poderán tamén achegarse ao Museo das Zocas, recentemente inaugurado, e co que tamén colaborou o Goberno da Deputación e que pon en valor un dos oficios tradicionais máis senlleiros da zona: o dos zoqueiros.

O Deputado de Turismo en funcións, Eduardo Vidal Baamonde, participou este xoves na presentación da XI Festa de Xogos Tradicionais de Muimenta xunto aos membros da Asociación de XOTRAMU, José Lombardero e Rosa Morán, nos Xardíns da Deputación. Trátase da única festa en Galicia dedicada a este tipo de xogos que terá lugar o domingo 2 de xuño no Campo da Igrexa Vella da Muimenta no Concello de Cospeito. A Deputación colabora coa promoción deste evento cultural e turístico achegando case 1.200 euros.

Vidal Baamonde destacou que “trátase dunha xornada na que dar a coñecer as costumes e etnografía non só da provincia senón do país, e coa que promovemos o estudo e conservación de xogos tradicionais propios da nosa cultura. É tamén unha oportunidade única para promover turisticamente a zona e dinamizar a economía local”.

O vindeiro domingo, Muimenta converterase nun gran escenario de xogos tradicionais desde as 15:00 horas ata as 20:00. Haberá exhibicións dun cento de xogos tradicionais como son a billarda, os birlos ou tirapedras. Organizarase tamén unha xincana de xogos populares e un campionato de bolos. Os máis cativos poderán desfrutar de xogos tan populares como as carreiras de sacos, o brilé, o aro, a comba, as catro esquinas ou agocho entre outros moitos.

O encontro contará con varios obradoiros nos que aprender a construír xogos con, por exemplo, cortizas. Ademais, o músico e artesán de Carballo, Pablo Carpinteiro, realizará demostracións de instrumentos musicais tradicionais de Galicia. Esta xornada de ocio vai dirixida a familias, cativos e demais persoas interesadas en coñecer e revivir estes antigos xogos da infancia. Todas estas actividades serán de balde.

Museo das zocas
Vidal Baamonde convidou tamén aos veciños e visitantes a que se acheguen ao recen estreado Museo das Zocas, co que colaborou a Deputación cunha achega de 8.000 euros. Está situado no conxunto artístico da Igrexa Vella de Muimenta xunto á unha vella escola restaurada e reconvertida en museo pedagóxico. Conta con 40 tipos de zocas e instrumentos típicos deste oficio, moi típico da zona na que aínda viven 8 profesionais da zoca, 4 en activo e 4 xubilados.

Neste conxunto etnográfico destaca tamén un antigo banco de traballo de zoqueiro e un carro restaurado e cargado con troncos de bidueiro no que trasladaban a madeira. A mostra complétase con fotografías do proceso de elaboración das zocas e tamén dos oito zoqueiros desta localidade.

Xotramu
A Asociación de Xogos Tradicionais de Muimenta naceu para a recuperación este tipo de xogos antigos e populares. Dende o ano 2008, Xotramu organiza a xornada de xogos tradicionais no Concello de Cospeito, que conta coa participación de asociacións de toda Galicia, Asturias e Portugal. Unha das metas desta entidade é que a Festa de Xogos Tradicionais sexa declarada Festa de Interese Turístico Galego.