Cultura
Deputación de Lugo

Vicepresidencia organiza unha charla sobre o Estatuto de Autonomía de 1936

Maite Ferreiro
Estatuto de Autonomía
Propaganda Electoral nas rúas da Coruña
Uxío Breogán Diéguez Cequiel será o poñente da conferencia O Estatuto de Autonomía de Galiza. Da Asemblea de Concellos ao Plebiscito (1931-1936), que abordará o proceso de elaboración e aprobación do Estatuto, desde o seu xerme ata a aprobación no exilio.

Lugo, 23 de xuño de 2020.- O vindeiro venres, 26 de xuño terá lugar, no Salón da Actos da Deputación, unha conferencia co Doutor en Historia Contemporánea Uxío Breogán Diéguez Cequiel, que tratará sobre proceso que levou ao plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia no 1936, baixo o título O Estatuto de Autonomía de Galiza. Da Asemblea de Concellos ao Plebiscito (1931-1936). O relatorio, promovido pola Vicepresidencia, conmemora o aniversario do plebiscito, que se celebrou o 28 de xuño de 1936.

A vicepresidenta, Maite Ferreiro explicou que: “queremos poñer en valor eses anos nos que se desenvolveu un intenso proceso para dotar a Galiza de recoñecemento legal e político”.

Durante a charla abordarase o proceso de elaboración e aprobación do Estatuto, onde os concellos tiveron un importante papel, sendo a súa Asemblea de 1932 o xerme do texto estatutario; así como o posterior exilio, onde finalmente se aprobou o texto articulado.

Notas biográficas

Uxío-Breogán Diéguez Cequiel é licenciado en Historia pola USC e doutorouse en Historia Contemporánea pola Universidade de Barcelona coa tese "Nacionalismo Galego. Desarticulación, resistencia e rearticulación (1936-1975)". Profesor na Universidade da Coruña, os seus temas centrais de estudo e investigación son a historia do nacionalismo galego e os movementos sociais no tempo contemporáneo. Autor de decenas de libros é director 'Murguía, Revista Galega de Historia', desde a súa fundación no 2003.