A área de Cultura leva por toda a provincia a estrea de Maria Solinha de Ignacio Vilar
Lugo, 17 de xullo de 2020.- A área de Cultura da Deputación de Lugo levará a estrea do filme “María Solinha”, dirixida por Ignacio Vilar, a 12 concellos da provincia.
“Queremos axudar aos creadores galegos a chegar ao máximo público posíbel, pois na distribución enfróntanse a dous grandes retos: as dificultades para entrar nos circuítos comerciais e a falta de cines na maior parte dos concellos de Lugo. Con esta iniciativa apostamos pola cultura máis alá das cidades levando a estrea aos pequenos concellos da provincia” explicou a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Maite Ferreiro.
Xa están confirmadas 10 datas para as proxeccións, que se farán ao aire libre, en espazos exteriores con asentos ubicados para asegurar a distancia interpersoal requerida para a protección da saúde colectiva.
A primeira proxección,o vindeiro luns, 20 de xullo, na Pobra do Brollón, e mais na prevista para luns, 3 de agosto, en Barreiros, serán premiers coa presenza do director, Ignacio Vilar, e as dúas actrices protagonistas: Grial Montes e Laura Míguez.
O filme conta coa participación do músico sarriao Abraham Cupeiro, compositor da banda sonora, gravada no estudo Abrigueiro en Friol. A Deputación apoia a promoción e exhibición da película na provincia cunha colaboración de 4.500 euros.
Calendario de estrea:
- 20 de xullo: A Pobra do Brollón: Premier coa presenza do director, Ignacio Vilar, e as actrices Grial Montes e Laura Míguez.
- 21 de xullo: O Corgo.
- 27 de xullo: Meira.
- 28 de xullo: Vilalba.
- 3 de agosto: Barreiros: Premier coa presenza do director, Ignacio Vilar, e as actrices Grial Montes e Laura Míguez.
- 4 de agosto: Guitiriz.
- 11 de agosto: Becerreá.
- 17 de agosto: Monterroso.
- 18 de agosto: O Valadouro.
- 25 de agosto: Outeiro de Rei.
Queda por concretar a data doutras dúas proxeccións previstas na Fonsagrada e en Xove.