Cultura promove o ciclo de concertos “Mulleres libres, sempre” da coral lucense Cantar Delas
Lugo, 22 de outubro de 2020.- A área de Cultura e a coral Cantar Delas promoven o ciclo de concertos “Mulleres libres, sempre”, cun repertorio artellado arredor de personaxes femininas que pasaron á historia pola loita contra as inxustizas e o cuestionamento da orde social.
Trátase dunha decena de pezas que pola súa temática ou cronoloxía evocan figuras femininas como María Balteira, María Castaña, María Pita, Pepa A Loba, Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán ou Rosalía de Castro.
O programa inclúe composicións que van desde os cancioneiros medievais como o de Afonso X O Sabio ata “Do mar pola orela”, título co que Luis E. Batallán musicou “A Rosalía” de Curros Enríquez.
Dolores Varela, integrante da coral lucense, explicou que “cada peza irá precedida da presentación dunha desas personaxes femininas, que forman parte do imaxinairo colectivo, presentes nas nosas vidas sen saber, ás veces, quen foron e as razóns polas que pasaron á historia”.
A vicepresenta Maite Ferreiro fixo fincapé na temática dos concertos, que visibilizan “figuras ligadas a ideais de transformación social, de xustiza e de igualdade, nos que queda aínda camiño por percorrer e cos que nos identificamos””.
Maite Ferreiro destacou que “con esta programación, se mantén o apoio ao tecido cultural da provincia, sempre cumprindo coas normas establecidas polas autoridades sanitarias para cada lugar e en cada momento”.
Así, os concertos desenvolveranse seguindo á normativa establecida especificamente para actuacións corais pola Xunta de Galiza: uso obrigatorio de máscara para as integrantes da coral, que deben manter unha distancia de 1,5 metros entre sí, e de 3 metros en relación coas persoas asistentes á actividade.
Primeiros concertos, esta fin de semana en Sarria e Lugo
Sarria acollerá este sábado o primeiro concerto, co que colabora a asociación Sarricanta, e que se celebrará na carpa instalada na Unión, ás 20.00 horas. O domingo Cantar Delas actuará na Capela de Santa María, en Lugo, ás 19:00 horas.