Axenda Institucional
Cultura
Deputación de Lugo

Arranca o Circuíto de Teatro Afeccionado, con 15 compañías que realizarán máis de corenta actuacións pola provincia ata final de ano

TEATRO AFECCIONADO
cultura
Maite Ferreiro
As primeiras representacións terán lugar esta fin de semana en Ribadeo, A Pastoriza e Pantón

Este sábado arranca o Circuíto de Teatro Afeccionado da área de Cultura, que programa máis de corenta actuacións pola xeografía da provincia desde esta fin de semana ata final de ano.

Quince compañías participan nesta iniciativa que dá pulo ao teatro amador nun ano condicionado pola incidencia da crise sanitaria nas programacións culturais, especialmente no ámbito das artes escénicas. Alentía Teatro, Nova Escena Teatro, Os Palimoquiños, Curuxán Teatro, Hipócrita Teatro, Os Baluros, Os Trocos, A  Adala, A Mariña, Asociación Cultural AbrenteViraventos, Teatreiras, Lume Escénico, O Torques e Pico do Castro representarán os seus espectáculos nunha vintena de municipios.

A programación, organizada en colaboración con concellosasociacións que facilitan os espazos para as representacións, inclúe pezas para todos os públicos e con distintos rexistros, desde o drama ata a comedia.

O Circuíto de Teatro Afeccionado artellouse neste 2020 para dar continuidade á actividade  do Buxiganga, unha convocatoria que non puido repetirse este ano polas dificultades que a situación sanitaria creaba á hora de concretar datas e horarios coa antelación que requería o procedemento habitual.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro explicou que “con esta alternativa puntual apoiamos a labor das compañías amadoras espalladas polas comarcas, moitas delas creadas a raíz da labor de promoción e formación do Buxiganga”

Ferreiro incidiu na aposta da área por manter a actividade cultural, cumprindo cos protocolos e as indicacións sanitarias vixentes en cada lugar e momento.

Primeiras actuacións

As primeiras representacións do Circuíto de Teatro Afeccionado terán lugar esta fin de semana en Ribadeo, A Pastoriza e Pantón.

Sábado 28 de novembro,  actuación da compañía A Mariña que representa “A maxia dos sentimentos” no teatro de Ribadeo, ás 17:30 horas.

Sábado 28 de novembro, actuación de Os Baluros, coa obra “Menciñeiro á forza” no centro sociocultural da Reigosa ás 20:30 horas.

Domingo 29 de novembro, actuación de Hipócrita Teatro, que representa a obra “Hotel Desencanto” nan na Casa da Cultura de Pantón ás 18:00 horas.