Cultura
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia colabora coa AS-PG na elaboración de contidos educativos para nais e pais

AS-PG
vicepresidencia
Maite Ferreiro
NAIS
PAIS
EDUCANDO EN FAMILIA
A relación dos menores con internet, a importancia da motivacion na aprendizaxe ou a educación na sexualidade centran os vídeos elaborados pola asociación pedagóxica

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, e a presidenta da Asociación Socio-pedagóxica Galega (AS-PG), Patricia Varela, presentaron este mércores o proxecto “Educando en familia. Creando futuro”, con material audiovisual sobre cuestións fundamentais para a educación e a formación de nenas e nenas máis aló do ámbito académico

Con voces de persoas expertas en pedagoxía, didáctica e dinamización cultural, os vídeos tratan aspectos como a relación dos menores con internet, a educación na sexualidade, a motivación, a xestión de conflitos ou a relación entre lingua e aprendizaxe.

Estes contidos estarán dispoñibles na canle de Youtube da AS-PG e difundiranse a través das asociacións de nais e pais e nos centros de ensino. Patricia Varela explicou que “o obxectivo é chegar ás familias. Pensamos que a colaboración entre escola e familia é fundamental para unha educación global de nenas e nenos, e para unha sociedade máis formada e cohesionada”

Maite Ferreiro valorou “a iniciativa da asociación para xerar contidos e propoñer formatos novos, adaptándose á situación sanitaria” e sinalou “a importancia de proporcionar a nais e pais información e claves para desenvolver o seu papel nunha sociedade dinámica, que nos enfronta a situacións novas continuamente”.

Con máis de mil asociadas e asociados, a AS-PG é unha asociación de referencia para o ensino en Galiza. As súas liñas de traballo céntranse na formación docente, na publicación de materiais didácticos e estudos sociais e na normalización linguística. Desde 2005, desenvolven distintas iniciativas dirixidas á formación das familias. A vicepresidencia da Deputacíon de Lugo achega 10.000 euros ao funcionamento da entidade. Mercado de Nadal.