Cultura
Deputación de Lugo

Maite Ferreiro defendeu “preservar a xestión cultural no ámbito público” e valorou “a colaboración das asociacións na dinamización cultural do rural” nun foro en Carballo

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
cultura
Teatro
ESCENA NORTE
POLÍTICAS CULTURAIS
Maite Ferreiro

A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro participou esta mañá nun foro sobre o sector escénico galego, organizado por Escena Norte en Carballo, no que se expuxeron as políticas culturais dirixidas a promover a programación teatral en contextos non urbanos.

Na mesa, Maite Ferreiro sinalou “a colaboración das asociacións e colectivos culturais á hora de espallar por todo o territorio as diferentes programacións organizadas pola área de Cultura”, que se concretan, no ámbito escénico, nos circuíto de teatro profesional e teatro amador, que abeiraron máis de 120 representacións nos distintos concellos durante este ano.

A vicepresidenta da Deputación, que debullou as programacións as liñas de traballo da área de Cultura e remarcou a necesidade de “traballar para futuro con iniciativas que asenten hábitos culturais desde a infancia, puxo énfase na importancia de “preservar a xestión cultural no ámbito público” e de “crear programacíons participativas, abertas e diversas, nas que se teña en conta a perspectiva de xénero e reforcen a normalización do galego”, concluíu.

No foro, convocado baixo o título Retos do asociacionismo profesional como un dos eixos vertebradores do sector escénico galego, participaron o deputado de Cultura, Políticas de igualdade de Xénero e Normalizacíon Linguística Xurxo Couto, a deputada de Cultura e Proxectos Audiovisuais de Ourense, Patricia Torres, e a deputada de Cultura e Igualdade de Pontevedra,  Victoria Alonso.