O Servizo de Publicacións da Deputación Provincial de Lugo ten como finalidade a edición de obras que aborden temáticas específicas referidas a diferentes aspectos da realidade da provincia de Lugo e das súas comarcas e concellos, prestando especial atención a aquelas materias que contribúan a dar a coñecer os nosos valores culturais e patrimoniais máis xenuínos.

Como editora institucional tratamos de cubrir un espectro editorial que chegue a eidos raramente asumidos por outros sectores editoriais. As nosas publicacións céntranse en temas de interese provincial que pasan esencialmente pola historia, a xeografía, a etnografía, a arte, os estudos literarios, a arqueoloxía, o turismo, o patrimonio cultural material e inmaterial e a divulgación das actividades e estudos xerados polos centros culturais propios: museos e coleccións dependentes da Deputación (Rede Museística Provincial, Centro de Artesanía e Deseño...)

Dende este Servizo tratamos de chegar a unha distribución efectiva das nosas  publicacións mediante o seu envío periódico e gratuíto ás bibliotecas públicas da provincia, ás asociacións culturais, aos centros educativos e aqueloutros organismos e institucións que poñan os libros ao dispor dos lectores e lectoras interesados e, tamén, a través dos intercambios que se manteñen, dende a biblioteca do Museo Provincial, con bibliotecas e museos nacionais e internacionais.

Por este motivo, vimos prestándolle unha atención especial a realizar presentacións públicas das nosas novidades editoriais e, para facilitar a distribución comercial das nosas publicacións, vimos mantendo unha presenza activa, con caseta propia, nas principais feiras do libro que se organizan na provincia, tanto pola Federación de Libreiros de Galicia como por parte dalgúns concellos. Desta maneira, tamén contribuímos a achegarlle directamente ao público as nosas publicacións e facilitamos o traballo dos libreiros cun apoio directo ao sector que vai unido ás axudas coas que a Deputación contribúe á organización e realización de actividades nas feiras.

Queremos, dende este páxina, manter unha información actualizada do noso catálogo editorial, das nosas novidades e unha liña de comunicación aberta cos autores, bibliotecas, libreiros , asociacións culturais e todas as persoas interesadas.