FORMACIÓN E RECUPERACIÓN

 

A construción de instrumentos populares e a recuperación da zanfona foi o xerme fundacional do Obradoiro Escola de instrumentos musicais da Deputación de Lugo, no ano 1951. Superado con éxito por Faustino Santalices e Paulino Pérez este primeiro obxectivo, nunha etapa de transición, entre os anos 1975 e 1978, coa incorporación de Antón Corral e Xesús Pérez, acadouse o sistema de roda desmontable na zanfona e inícianse os proxectos: seteto de gaitas do musicólogo Rogelio Leonardo de Bouza e afinación con diapasón das zanfonas. A partir do ano 1979, Xesús e Luciano Pérez encetan unha nova andadura do obradoiro vertebrando o traballo en tres áreas principais: formación de artesáns, estudo e recuperación do patrimonio musical galego.

Para a formación no obradoiro asistiron numerosos alumnos, tanto particulares como de asociacións e colectivos como: Serem, Auxilia, colexio residencia Alonso Vega, Val do Asma e, mesmo,  achegándolles aos colexios e institutos da provincia o proxecto Xoguetes sonoros, Instrumentos infantís, en combinación coas xornadas pedagóxicas na facultade de formación do profesorado; todo un plan de formación de artesáns no que destaca a colaboración co Instituto Nacional de Emprego, entre 1988 e 1990. En maio de 1983, créase a Escola de gaitas e zanfonas que combinaba o ensino do instrumento co solfexo. Da morea de alumnos, moitos son hoxe músicos ou mestres artesáns de renome. 

A bagaxe herdada e a experiencia acumulada, xunto coa chegada do momento para a recuperación da cultura propia, fixo que o traballo se estendese ao ámbito da revitalización de instrumentos en desuso e a innovación; neste sentido, na década de 1990, a crecente mecanización e novas tendencias de torneado simple na gaita fixo que acometeramos un deseño baseado en modelos antigos para un prototipo de gaita acorde ás novas tendencias. Destaca a colaboración coa Fundación Barrié de la Maza para o séu proxecto de estudo e reconstrución dos instrumentos do Pórtico da Gloria na coordinación do obradoiro e persoal de oficio.

Ata o ano 2008, e como responsables da liña de produción, foron moi cuantiosas as actividades programadas: concertos didácticos, cursos, charlas, exposicións temporais ou traballos de campo. En todo este labor contamos con destacados mestres e colaboradores como: o tallista Segundo Marei; o zanfonista Claude Flagel; o cantautor Miro Casabella; os etnomusicólogos Luc Charles Dominique e José Antonio Alonso; o artista e músico transversal Laurent Tixert; o investigador Daniel Sánchez Polo; o construtor de claves Rafael Marijuán; o organeiro Federico acítores; os musicólogos Antonio Álvarez Cañibano, Beryl Kenyon de Pascual, Cristina Bordas, José López Calo, Carlos Villanueva e Joaquín Díaz; os etnomusicólogos e coleccionistas Carlos Blanco Fadol e Juan M.ª Beltran; o zanfonista electroacústico Valentín Clastrier; a especialista en moldes Inmaculada Souto; a asociación de Gaiteiros Galegos; o construtor de instrumentos Luís Payno; a restauradora Blanca Besteiro; os gaiteiros Maiorquins Sa Calatrava; o músico Henrique Candal e o bailarín José de Udaeta entre outros. Na colección e arquivo recóllense parte destes traballos.

GALERÍA DE IMAXES

asubío
aulas
banda escola gaitas
carraca trompa
escola zanfonas orfeon lucense
grupo musica popular e medieval
matraca
taranquexo
tonométrico
xoguetes sonoros
zanfoniñas
prácticas universitarias

DESCARGABLES