ESTUDO E DIFUSIÓN DA MÚSICA MEDIEVAL

portomarin

O primeiro obxectivo do proxecto de Estudo e difusión da música medieval, desenvolvido no ano 2018, foi a investigación e reconstrución de novos instrumentos musicais ligados á iconografía musical conservada na provincia de Lugo; achegámonos, esta vez,  a un personaxe mítico e lendario  para recuperar as máis fieis representacións dunha giga e unha rota, os seus instrumentos máis representativos.


A figura bíblica do rei David, ca. 1040-966 a. C., inicia unha etapa crucial na historia da humanidade, comeza pastoreando ovellas e remata como rei de todo Israel e conquistador dun imperio. Unha vida chea de complexidades e contradicións cunha forte presencia na Biblia onde o seu nome aparece máis de mil veces. Como di Jonathan Kirsch “contra os esforzos dos moralistas que esgrimen a Biblia e buscan facérmonos sentir mal por ser como somos, o relato bíblico de David está aí para recoñecer e validar o que os homes e mulleres senten e fan realmente”. En vida é louvado como o rei ao que Deus elixiu para gobernar a terra e, xa morto, transfigúrase como un soberano que reinará desde as alturas pasando a ser un símbolo teolóxico, de aí as numerosas representacións iconográficas, unha das máis estendidas na Idade Media foi como intérprete musical.


En Galicia, Serafín Moralejo ten estudado toda a súa iconografía que vai desde o tímpano da igrexa de  San Miguel do Monte en Chantada, onde aparece cunha danzarina e un músico con pandeiro ata o conxunto catedralicio compostelá no que se conservan dúas estatuas-columna,  unha con rota na fachada do Pórtico da Gloria, antiga porta da Trindade do ano 1188, e outra cunha giga na porta de praterías, orixinalmente esculpida para a porta norte da catedral, datada entre os anos 1102 e 1105.

Contidos relacionados


DESCARGABLES

 


EQUIPO DE TRABALLO:

 

Dirección  do proxecto:
    Luciano Pérez Díaz
Investigacións: 
    Christian Rault
Mestres artesáns:
    Antonio Franco
    Christian Rault
Alumnado:    
    Iago Salgado Álvarez
    Iván García Méndez
    Luciano Pérez Díaz
    Marco Antonio Gamarra Blanco
    Norka Pérez Noguera    
Coordinación administrativa:
    Santiago  Rodríguez Túñas    
Revisión lingüística:
    Montserrat González Álvarez