Cultura
Deputación de Lugo

Abre o Mercado de Nadal, con pezas de cerámica, marroquinería, complementos e xoguetes feitos á man por artesás e artesáns da provincia

MERCADO DE NADA
artesanía
EFRÉN CASTRO
CENTRAD
Once firmas venden os seus produtos na feira que ofrece ao sector “unha plataforma de venda dos seus produtos nun dos periodos de maior demanda”
t
O mercado estará aberto ata o 5 de xaneiro

Esta tarde inaugurouse na Praza de San Marcos o Mercado de Nadal, organizado polo Centro de Artesanía e Deseño da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Ata o vindeiro 5 de xaneiro, once obradoiros artesáns da provincia mostrarán e venderán na feira os seus produtos, desde pezas de cerámica ata marroquinería, xoguetes ou complementos de moda.

Na apertura da feira, o deputado de Artesanía e Deseño Efrén Castro explicou que “o Mercado pretende ofrecer ás artesás e artesáns da provincia un espazo para vender os seus produtos nun dos periodos de maior demanda, coincidindo co Nadal e coa época de agasallos,  e nun ano especialmente complicado para o sector, moi castigado pola crise sanitaria”.  O deputado nacionalista sinalou que a feira invita “a un consumo responsable, de produtos feitos á man, por profesionais da provincia, con materias primas e procesos de elaboración respectuosos co medio natural”.

Artesáns participantes

A cerámica ten unha ampla representación na feira coas firmas La Bellota Mágica, Lanalutum, Mi madre no me deja e Regal Cerámica, que ofrecen  pezas para o servizo de mesa, como xogos de café, cuncas ou vaixelas, e tamén elementos decorativos, como xarróns, candelabros, centros de mesa ou murais, e pezas de bisutería. 

A oferta tamén é diversa en marroquinería, coas firmas  Bolboretas de Coiro, Senda, Tres Caracoles ou Vidal Revilla, que traen a feira unha grande variedade de mochilas, bolsos, moedeiros, carteiras, tarxeteiros, cinturóns, accesorios para móbiles ou fundas para instrumentos musicais. 

Os xoguetes, produto estrela entre os agasallos de Nadal, tamén terán o seu oco na feira cos enxeños en madeira de Enxógate e os bonecos en fieltro ou fío de algodón confeccionados coa técnica xaponesa de amigurumi de Lucecús

A firma Mis Marinillas, que se dedica a creación de complementos de moda artesáns, completa a oferta de produtos á venda no mercado.  Ademais dos obradoiros, a feira conta este ano cun espazo de mostra que reúne unha selección de pezas das artesás e artesáns participantes.  

Concerto do coro Cantar Delas

A presentación do Mercado de Nadal contou coa actuación do coro feminino Cantar Delas, que interpretou na Praza de San Marcos un repertorio artellao arredor de personaxes femininas que pasaron á historia pola loita contra as inxustizas e o cuestionamento da orde social.

Horarios

O Mercado de Nadal permanecerá aberto ata o 5 de xaneiro, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas, agás os días 25 de decembro e 1 de xaneiro. O 24 e o 31, o peche adiantarase ás 19.00 horas.