Cultura
Deputación de Lugo

Unha retrospectiva do chantadino Manuel Jorge por primeira vez no Museo Provincial de Lugo

museo
pintura
Retrospectiva Manuel Jorge Museo Provincial
- Esta colección recolle a obra pictórica deste autor, dende 1958 ao 2017, e estará exposta ata o 11 de novembro no Museo Provincial. Ademais, este sábado o Auditorio de Chantada inaugura a 2ª parte desta mostra, que expón a súa obra máis recente

- Campos Conde remarcou que “gracias a esta exposición, todos os lucenses poderán coñecer a obra pictórica do lucense Manuel Jorge, que chega á cidade de Lugo tras décadas conservada na intimidade do seu estudo”

- Manuel Jorge (Chantada, 1929), pintor prolífico e autodidacta, marchou estudar arquitectura en Madrid, viviu en Menorca e Cadaqués, instalándose finalmente en Xàbia, na Marina Alta alicantina, onde é un arquitecto recoñecido. A día de hoxe non ten á venda ningún dos seus cadros que suman mais de 2.000 pezas entre esbozos, pinturas e obra gráfica

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, inaugurou este xoves no Museo Provincial a exposición “Manuel Jorge. Retrospectiva 1958-2017", que se exhibe por primeira vez na capital da provincia. Esta colección estará exposta ata o 11 de novembro no Museo Provincial.

No acto estivo acompañado pola Deputada de Cultura, Pilar García Porto, o Alcalde de Chantada, Manuel Varela, así como representantes da asociación Amigos de Manuel Jorge, e a comisaria da mostra, Alba Sánchez Vázquez. Paralelamente, o Auditorio de Chantada inaugura este sábado a 2ª parte desta mostra, na que se amosa a súa obra máis recente.

Campos Conde remarcou que “gracias a esta exposición todos os lucenses poderán coñecer a obra pictórica deste autor, que chega por primeira vez á cidade de Lugo tras décadas conservada na intimidade do seu estudo. Por iso, quero agradecer o traballo realizado ao longo destes anos pola Asociación Amigos de Manuel Jorge, por contribuír  a difundir a súa obra, e espallala por toda a provincia”.

O Presidente explicou que nesta retrospectiva que presenta o Museo Provincial “inclúense obras figurativas con retratos e pezas pintadas en Chantada ou relacionadas con Galicia, apreciándose a evolución do artista dende os seus primeiros debuxos con tinta chinesa ata o retrato da súa nai. E tamén pode construírse a súa traxectoria vital , a súa viaxe de Chantada a Xábia, pasando por Menorca, Cadaques ou Helsinki”.

“Manuel Jorge. Retrospectiva 1958-2017"
O Museo Provincial acolle ata o 11 de novembro a retrospectiva de Manuel Jorge. Na parte do refectorio pode verse a etapa máis figurativa do autor, na meirande parte retratos, e obras relacionadas con Galicia. Aquí, poden atopar familiares e veciños de Chantada, escenas de sucesos da vila, mulleres galegas, afincadas no Mediterráneo, así como personaxes de prostíbulo en contraste con figuras eclesiásticas. E na sala de exposicións pode contemplarse a obra abstracta do autor. Pinturas que dan conta das súas viaxes, e tamén pode verse o paso dunha abstracción máis delicada e paisaxística e outra mais marcada e detallada. Neste apartado faise máis visible a influencias dos trazos arquitectónicos na súa pintura.

Ademais, na sala de audiovisuais proxéctanse dúas pezas, por un lado a entrevista feita no ano 2015, sobre a seu traballo, e un pase de imaxes sobre a súa obra arquitectónica.

Obra recente en Chantada
O Auditorio de Chantada inaugura este mesmo sábado, día 15 ás 20:00 horas, a segunda parte desta colección, que alberga obras pintadas nos anos 2016 e 2017, continuando coa abstracción, o que converte a esta mostra nunha homenaxe á parella do artista, Cristina Snellman, quen acostumaba a pintar obras cheas de luz e cor, compensando así a escuridade dos inicios de Manuel Jorge.

Un artista de 89 anos con máis de 2.000 pezas
Manuel Jorge (Chantada, 1929), pintor prolífico e autodidacta, marchou estudar arquitectura en Madrid, viviu en Menorca e Cadaqués, instalándose finalmente en Xàbia, na Marina Alta alicantina, onde é un arquitecto recoñecido onde vive actualmente. A día de hoxe non ten á venda ningún dos seus cadros que suman mais de 2.000 pezas entre esbozos, pinturas e obra gráfica.

Asociación Amigos de Manuel Jorge de Chantada
Esta nova exposición fíxose coa colaboración da Asociación de Amigos de Manuel Jorge de Chantada, impulsora desta iniciativa, unha entidade que naceu a raíz da primeira exposición retrospectiva que se fixo do autor en Galicia, e que organizou na súa vila natal, Chantada no 2016. A mostra, titulada: Manuel Jorge. Pinceladas galegas, trazos mediterráneos, coa que se recuperou o seu legado para Chantada. Tras esa exposición creouse esta asociación para que servise ao mesmo tempo, como motor cultural da arte contemporánea na comarca de Chantada.

 

Retrospectiva Manuel Jorge Museo Provincial