Cultura
Deputación de Lugo

A Deputación promove con 6.000 euros 10 concertos da Sociedade Filarmónica de Monforte de Lemos

Monforte
Lemos
música
concertos
Promoción concertos Sociedade Filarmónica de Monforte
- Campos Conde e Prado Cortiñas asinaron o convenio de colaboración entre as dúas entidades que posibilita a realización, durante todo o ano, de 10 concertos. No acto estivo presente o Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca

-A programación deste ano contou coa presenza de Old Timers Jazz Band de Praga; Elina Viksne e Patricia Rejas; Trío Vindel; Lucas López López e a Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia; Paco Díez; Quatuor Confluence; Camerata Brigantina; Trio Caspervek

- A organización ten previsto no mes de novembro un concerto co grupo de vento Zoar, un conxunto de cámara estable e activo, con formación de quinteto de vento clásico. A programación deste ano remata co "Concerto de Nadal" interpretado pola Familia Moriatov

O Goberno da Deputación promove con 6.000 euros a programación da Sociedade Filarmónica de Monforte de Lemos. Con cargo a este investimento do organismo provincial, esta entidade realiza unha axenda de concertos ao longo de todo ano. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde e o Presidente da Sociedade Filarmónica, Antonio Cortiñas, asinaron este luns o convenio de colaboración entre as dúas entidades que posibilita a realización de 10 concertos. No acto, celebrado no Concello de Monforte de Lemos, participou tamén o Alcalde, José Tomé Roca.

O Presidente agradeceu a implicación da Sociedade Filarmónica de Monforte de Lemos na promoción das actividades culturais da vila, “esta entidade é un auténtico referente na programación musical da Comarca, algo do que todos nos sentimos moi orgullosos. Por iso a través deste convenio de colaboración queremos achegar a toda a poboación a arte da música en todos os seus xéneros, e ao mesmo tempo contamos coa oportunidade de promover iniciativas que contribúan a divulgación e a formación de novos talentos musicais na Provincia”, resumiu Campos Conde.

Programación anual

A programación que preparou este ano a Sociedade Filarmónica de Monforte contou coa presenza de Old Timers Jazz Band de Praga; Elina Viksne e Patricia Rejas; Trío Vindel; Lucas López López e a Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia; Paco Díez; Quatuor Confluence; Camerata Brigantina; Trio Caspervek. Por último nesta axenda anual, no mes de novembro, actuará o grupo de vento Zoar. Un conxunto de cámara estable e activo, con formación de quinteto de vento clásico. A programación deste ano remata co "Concerto de Nadal" interpretado pola Familia Moriatov.

Compromiso coa formación musical na provincia

Campos Conde lembrou o “compromiso do Goberno da Deputación cos conservatorios e escolas de música da provincia, xa que financia con preto de 34.000 euros o desenvolvemento de actividades nas Escolas de Música de Monterroso, Mondoñedo e Vilalba; e tamén a través da Asociación Músico Crisanto de Rábade reciben formación musical alumnos dos Concellos de Rábade, Outeiro de Rei e Begonte. E con outros 45.000 euros, reciben estudos musicais alumnos dos Conservatorios de música de Vilalba, Monforte de Lemos e Viveiro”.

A Sociedade no ano 1950

A Sociedade Filarmónica de Monforte de Lemos naceu no 1950 co obxectivo xeral de contribuír á difusión da música e en particular. A primeira actividade que organizou foi o concerto da Orquestra Sinfónica Municipal de Bilbao o 16 de maio de 1950. Desde entón vén realizando este labor de xeito ininterrompida ata o día de hoxe. Os seus obxectivos son; difundir a arte da música en todos os xéneros; realizar actividades culturais relacionadas coa divulgación musical; a celebración de concertos, recitais de música de cámara, sinfónica, vocal; así como conferencias sobre música e a súa relación coas demais artes, e outras tantas iniciativas que contribúan á difusión musical e á mellor formación cultural.