Éxito da proxección de 'La sombra de la ley' rodada en Lugo e Monforte de Lemos co apoio da Deputación
Campos Conde subliñou que “fixemos un importante esforzo económico, malia non ter competencias, que corresponden á Xunta de Galicia e ao Goberno Central, porque cremos nos beneficios que a industria do cine achega a nosa provincia”
“É un orgullo que os lucenses Dani de la Torre, Luís Tosar e Jorge Coira estean no proxecto, e que sexa unha produtora galega, Vaca Films, a que o faga posible” engadiu
O Presidente destacou a participación na película de titulados e alumnos da EIS, “unha oportunidade única para traballar con algúns dos mellores profesionais de España”
Lugo acolleu este martes unha proxección especial da longametraxe La sombra de la ley, o novo thriller do monfortino Dani de la Torre, rodado en boa parte na cidade amurallada e en Monforte de Lemos, e que contou co apoio da Deputación e do Concello. O Presidente da institución provincial e da TIC, Darío Campos Conde, amosou a súa satisfacción “por colaborar con filmes que dan unha proxección nacional e internacional a Lugo”. Ademais afirmou que “para nós é un orgullo que tres lucenses do nivel de Dani de la Torre, Luis Tosar e Jorge Coira estean neste proxecto, e que sexa unha produtora galega, Vaca Films, capitaneada por unha muller, Emma Lustres, a que o faga posible”.
Antes de asistir ao pase nos cines do centro comercial Abella, o Presidente da Deputación participou no acto de presentación da película no Círculo das Artes, unha das localizacións da rodaxe, xunto ao Voceiro do Goberno provincial, Álvaro Santos, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, o director Dani de la Torre, a responsable de Vaca Films, Emma Lustres, e parte do equipo artístico.
Aposta da Deputación polas rodaxes na provincia
Campos Conde subliñou que “cremos firmemente nos beneficios que a industria do cine ten para a nosa provincia desde o punto de vista económico, social e turístico. Por iso, malia non ter competencias no eido audiovisual nin partidas específicas destinadas a este fin, responsabilidade que lle corresponde á Xunta de Galicia e ao Goberno Central, desde a Deputación facemos un importante esforzo económico para apoiar algunhas destas producións ao longo do ano, como é o caso de La sombra de la ley, e conseguir que os profesionais do sector vexan atractiva a nosa provincia para rodar as súas producións, que son unha excepcional vía de promoción de Lugo”.
Neste senso, lembrou a colaboración do organismo provincial con outra longa de proxección internacional, Aquilo que Arde do multipremiado Oliver Laxe, rodada principalmente nos Ancares lucenses. “Co apoio a películas deste nivel contribuímos a prestixiar a Marca Lugo e a que nos sintamos orgulloso do moito e bo que podemos ofrecer para converter a nosa provincia nun plató de rodaxe: fermosas paisaxes, riqueza patrimonial e os mellores profesionais. Ogallá que o esforzo que estamos a facer desde a Deputación de Lugo serva de exemplo ás administracións que teñen as competencias e as partidas orzamentarias, e non perdamos a oportunidade de que a nosa provincia acolla grandes producións coma estas.
Oportunidade para titulados e alumnos da TIC
Ademais, segundo subliñou o Presidente da TIC, estas rodaxes en Lugo supoñen “unha oportunidade única para os alumnos e titulados da nosa Escola de Imaxe e Son, xa que varios profesionais formados na EIS formaron parte do equipo dunha gran produción, como é o caso de La sombra de la ley, en diversos postos relacionados coas áreas de dirección e produción, e tres alumnos fixeron prácticas con algúns dos mellores profesionais que temos no só en Galicia, senón en España”.
A Barcelona dos 20, no segundo filme de la Torre
La sombra de la Ley é a segunda longametraxe de Dani de la Torre, que volve á gran pantalla cun consagrado Luis Tosar, tralo éxito en El Desconocido. O director monfortino pretende sorprender de novo con este traballo que transporta ao espectador á Barcelona caótica dos anos 20, onde é enviado o axente Aníbal Uriarte (Luis Tosar) para resolver unha misión na que se cruza con corruptos, anarquistas e feministas como Sara (Michelle Jenner), coa que crea un vínculo especial.
As escenas foron filmadas o pasado ano en 80 decorados naturais exteriores e interiores. A rodaxe arrancou en Barcelona, pero a gran parte da acción discorre en Galicia (Lugo, Pontevedra, Monforte de Lemos, A Coruña e Santiago). En Lugo, filmouse na capital na rúa Bispo Aguirre e no Círculo das Artes. No caso de Monforte, foi o museo do ferrocarril o que serviu de fondo para unha das escenas claves da película, a do asalto a un tren custodiado polas forzas de seguridade.