A Deputación garante a celebración da Tasca do Liño, que chega á súa décima edición
Vidal Baamonde destacou que “decidimos sumarnos a esta iniciativa por ser parte fundamental do noso pasado, da nosa historia. Un evento que, coincidindo coa celebración do Día da Muller Rural, pon en valor a figura e o traballo das mulleres, pois foi unha labor vencellada á muller do rural e que parece estar esquecida”
A tasca do Liño é o procedemento polo que se obtén a fibra do liño separándoa do seu recubrimento exterior -aresta- para seren aproveitada posteriormente no ámbito téxtil. Convertíase tamén nun importante lugar de encontro e dinamización social
O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, a Concelleira de Cultura, Consuleo Grandío, e a Presidenta da Asociación de Mulleres Rurais San Bartolomeu de Insua, Lourdes Otero Mato, presentaron este martes na Casa de Cultura de Vilaba a Tasca do liño, unha cita de carácter lúdico cultural que chega á décima edición, e que terá lugar o vindeiro 27 de outubro. O Goberno da Deputación fai unha achega de 3.000 euros coa que se garante a celebración desta cita. O Concello colabora con intendencia prestando os postos, carpa...
Vidal Baamonde destacou que “dende o Goberno da Deputación decidimos sumarnos a esta iniciativa por ser parte fundamental do noso pasado, da nosa historia. Un evento que, coincidindo coa celebración do Día da Muller Rural, se pon en valor a figura e o traballo desas mulleres, pois foi unha labor que sempre se vencellou á muller do rural e que, en moitas ocasións, parece estar esquecida”.
“É unha cita de recreación de alto interese pois dá a coñecer un dos traballos artesanais téxtiles máis ancestrais. Posúe ademais un carácter moi singular, xa que achega ás persoas a cultura do liño, moi descoñecida para o público en xeral, que servía tamén de punto de encontro para os veciños, que se xuntaban para tascar”, destacou.
Otero Mato explicou que a tasca do Liño é o procedemento polo que se obtén a fibra do liño separándoa do seu recubrimento exterior -aresta- para seren aproveitada posteriormente no ámbito téxtil.
É un laborioso traballo para o que se xuntaban os veciños da parroquia durante longas noites de inverno, o que se convertía tamén nun importante lugar de encontro e dinamización social, tratándose dun fito moi importante dentro da cultura tradicional do mundo máis rural.
Programación
Por décimo ano consecutivo, a Asociación de Mulleres de Insua recreará na X edición da Tasca do Liño de San Bartomeu de Insua, os traballos realizados nas antigas Tascas e que serve como broche final da recuperación do cultivo tradicional do liño, ofrecendo explicacións de todos aqueles pasos da transformación do liño. Ás 11:00 horas é a inauguración da xornada para, de seguido, pasar á lectura do pregón oficial, que será a cargo de Mero Iglesias.
Ás 11:45 horas, terá lugar a mesa redonda X anos de experiencias arredor do liño, na que participarán a Presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de Insua, Lourdes Otero; o docente, Mario Outeiro, así como socias da asociacións. ÁS 12:45 será a entrega de premios do certame de debuxo infantil. Posteriormente, cara as 13:00 horas, haberá a demostración de Tasca de liño, na que tamén actuará Tino Baz. Ás 14:30, será o xantar popular, que se completa con varias actuacións de grupos de música tradicional, como Mondrum ou Os Minhotos, así como outra demostración de tasca ás 18:45. Para finalizar, haberá monologo de David Perdomo e queimada popular.