Cultura
Deputación de Lugo

A Deputación impulsa os produtos autóctonos colaborando coa Feira de Santos de Monterroso

Monterroso
feiras
Imaxe deputación de lugo
O Executivo Provincial achega 3.300 euros para a organización desta cita anual que ten lugar mañá, e que en 2011 foi declarada de Interese Turístico Galego

Os expositores do mercado ofrecerán unha ampla variedade de produtos gastronómicos tradicionais (queixos, mel, ovos, derivados do porco, noces ou castañas), flores, artesanía e antigüidades, maquinaria agrícola, roupa e calzado, etc, nos preto de 1.000 postos ambulantes que se instalarán polas rúas da vila

O Goberno da Deputación promove os produtos típicos da provincia colaborando coa tradicional Feira de Santos de Monterroso, que se celebra mañá xoves, e coa que colabora a  Deputación con 3.300 euros. Esta feira, declarada de Interese Turístico Galego desde 2011, é unha cita totalmente consolidada non só para o Concello, senón para toda a comarca da Ulloa, pois é unha cita que move, de media, a unhas 10.000 persoas. O Executivo Provincial colabora coa feira pois é un revulsivo económico para a provincia, e para unha comarca, eminentemente agrícola e gandeira xa que é unha xornada na que uns 1.000 profesionais poñen á venda os seus produtos.

Os visitantes que se acheguen a Monterroso durante a xornada do xoves 1 de novembro terán a oportunidade de adquirir diversos produtos. No recinto do mercado gandeiro poranse á venda 1.600 cabezas de gando, entre vacas, cabalos, ovellas ou porcos, etc.

Por outra banda, os expositores do mercado ofrecerán unha ampla variedade de produtos tales como produtos gastronómicos tradicionais (queixos, mel, ovos, derivados do porco, noces ou castañas), flores, artesanía e antigüidades, maquinaria agrícola, roupa e calzado, etc, nos preto de 1.000 postos ambulantes que se instalarán polas rúas da vila e que permanecerán abertos ao público ata a sobremesa. As persoas que se acheguen a Monterroso poderán degustar nos máis de 50 postas de carne ao caldeiro ou polbo que cada ano adoitan instalarse na feira.