Cultura
Deputación de Lugo

A Goberno da Deputación impulsa un pioneiro proxecto de divulgación do Pito Pastoril Galego

cultura
CENTRAD
Divulgación do pito pastoril galego
Trátase dunha iniciativa para a difusión deste instrumento tradicional que estivo a piques de desaparecer e que agora vive un rexurdir da man de artesáns, músicos e compositores. O CENTRAD conserva algún dos pitos pastorís creados nos anos 50

García Porto explicou que “a investigación é indispensable para que a nosa música chegue cada día máis lonxe. Por iso dende a Deputación promovemos este tipo de iniciativas que contribúen a ensalzar a música tradicional adaptada ao século XXI”

Este proxecto, realizado por Efraím Díaz, inclúe a celebración de dous concertos xunto coa Banda de Música de Antas de Ulla, a gravación dun disco, así como a realización de obradoiros de iniciación ao pito pastoril galego

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, xunto co músico Efraím Díaz presentou, este luns no CENTRAD o proxecto cultural “Pito Pastoril Galego e Banda de Música” para a promoción, difusión e recuperación deste instrumento tradicional galego. Esta iniciativa que promove o Goberno da Deputación, inclúe a celebración de dous concertos xunto coa Banda de Música de Antas de Ulla, a gravación dun disco, así como a realización de obradoiros de iniciación ao pito pastoril galego.

García Porto remarcou “que este proxecto ten un interese cultural e social, xa que pretende dar pulo a un instrumento que estivo a piques de desaparecer e que se recuperou grazas ao traballo do Obradoiro de Instrumentos Musicais da Deputación, e que agora, conta cun repertorio propio para o Pito Pastoril solista e Banda, e así, poderase dar a coñecer a un público máis amplo, a través desta programación”.

A Deputada lembrou que “apoiamos esta proposta coincidindo coa celebración do Ano Europeo do Patrimonio, co que damos a coñecer a nosa gran riqueza musical e as nosas tradicións. A investigación é indispensable para que a nosa música chegue cada día máis lonxe, por iso dende a Deputación promovemos este tipo de iniciativas que contribúen a ensalzar a música tradicional adaptada ao século XXI”.

“Hai que agradecer o traballo do músico Efraím Díaz, xa que a través dos seus estudos en cada traballo dándolle unha volta a música e aos instrumentos tradicionais, pois a investigación e a  innovación son indispensábeis para que a nosa música chegue cada día máis lonxe e a máis xente. Este é o traballo que realiza tamén a Deputación, apostamos pola música tradicional adaptada ao século XXI”, explicou García Porto.

Presentación
Á presentación no CENTRAD tamén asistiron: Jesús Varela Zapata, do Campus de Lugo; Carme Silva, coordinadora do Máster de Servizos Culturais da USC; Javier González Borrajo, director da Banda de Música de Antas de Ulla; Luciano Pérez, director do Arquivo de Documentación Musical do CENTRAD; Miguel Mosquera, artesán de pitos pastoriles galegos; Martín Blanes, compositor e arranxista de obras musicais que se presentan neste proxecto.

Concertos, gravación dun disco e obradoiros
Nos últimos anos xurdiron numerosas creacións musicais para Pito Pastoril Galego da man de diversos artesáns, músicos, compositores e arranxistas, e do IGAESPI, vivindo así un rexurdimento e unha revalorización por mérito propio. Este proxecto ten vocación de continuidade no tempo, e xa ten varias actividades programadas, entre elas dous concertos un en Lugo e outro en Antas de Ulla, e rematará coa gravación do primeiro disco para pito e banda de música do que se editarán 1.000 copias. Ademais,  Efraím Díaz impartirá obradoiros de iniciación ao pito galego en Antas de Ulla e na cidade de Lugo, dirixidos a para asociacións culturais e colectivos interesados no instrumento.

Un instrumento único, practicamente desaparecido e recuperado
O Pito Pastoril Galego ten moitas características das frautas, incluída a súa orixe como pasatempo pastoril sen embargo a súa dixitalización é similar a da gaita, polo que un dos seus usos é o estudo previo ao da gaita. O Obradoiro de Instrumentos Musicais da Deputación traballa pola recuperación, construción e revitalización de instrumentos do patrimonio musical Galego así como na formación de mestres artesáns. Dende os seus inicios en 1951 estivo interesado no Pito Galego, practicamente desaparecido, coa finalidade de que se puidera construír cunhas características máis recoñecíbeis e reproducíbeis, algúns destes pitos aínda se conservan nos fondos do CENTRAD.

Posteriormente, no último tercio do século pasado, mestres artesáns traballaron polo perfecionamento do Pito, que sufriu transformacións na súa tonalidade, que facilitan o seu emprego con outros instrumentos tradicionais como a zanfona, gaita ou a requita, grazas a isto conseguiuse acadar as dúas oitavas cromáticas.

Efraím Díaz, un músico todoterreo
Efraím Díaz naceu en Lugo e en 1980, dende moi novo comeza os seus estudos de música tradicional, continua a súa formación ata acadar o Título Superior en Percusión (Conservatorio da Coruña) e o Título Profesional en Gaita (Conservatorio de Viveiro). Foi membro de diversas agrupacións musicais dos estilos máis variados, como: bandas, clásicas, Hip Hop, Trash Metal, Folk ou Latin Jazz. Na actualidade é músico solista de Percusión na Banda Municipal de Música do Concello de Lugo e profesor de diversas materias na Escola Municipal de Música de Lugo, entre elas de Pito Pastoril Galego.

No curso 2017-2018 titulouse no Máster en Servizos culturais da USC, que rematou cun Traballo Fin de Máster titulado “O Pito Pastoril na Galiza”, que obtivo a calificación de Matrícula de Honra, e que actualmente completa no programa de Doutoramento en Estudos culturais.

A historia da Banda de Antas de Ulla
A Banda de Música de Antas, que tamén participan neste proxecto, ten a súa orixe en 1896, e durante sesenta anos mantén a súa actividade de forma ininterrompida, sendo considerada unha das mellores de Galicia ata a súa disolución nos anos 60. En 1985 volta poñerse en marcha, e en 2004 conformase como entidade sen fins de lucro, e co obxectivo de fomentar a divulgación, o coñecemento e a práctica musical. A día de hoxe conta con máis de 100 socios e ao redor de 45 músicos.

Os  fondos do CENTRAD
O CENTRAD, no seu Obradoiro de Instrumentos Musicais conta con numerosos fondos de instrumentos singulares, entre os que destacan a colección máis importante en Europa de instrumentos de corda medievais dos séculos XII e XIII e as réplicas dos instrumentos representados no Pórtico da Gloria,  froito dun proxecto multidisciplinar de investigación e construción, e que se cederon para unha serie de concertos de Carlos Núñez como conmemoración do trinta aniversario da declaración do Camiño de Santiago como primeiro itinerario cultural europeo.

Esta non é a primeira iniciativa en prol da recuperación da riqueza musical, en marzo deste ano, o musicólogo Abraham Cupeiro, fixo unha serie de concertos pedagóxicos en varios concellos da provincia, presentando diversos instrumentos ancestrais, dende unha pequena frauta de óso (46OOO a.c) ata un gran Sousaphone orixinal do século XIX, ou o impresionante 'karnyx', a gran trompeta céltica de máis de 2.000 anos de antigüidade.