Cultura
Deputación de Lugo

270 alumnos e 10 mestres manteñen vivo o baile e a música tradicional galega na TRADAESCOLA, co apoio da Deputación

Tradescola
cultura
baile
música
tradicional
Pilar García Porto
Visita á Tradescola
- Nas súas aulas impártanse clases de gaita, requinta, percusión tradicional, zanfona, baile tradicional, canto e pandeireta, acordeón, combo infantil, linguaxe musical, etnografía e investigación
- Este colectivo, que conta co principal patrocinio da Deputación, realiza outro tipo de actividades complementarias para difundir a música tradicional como obradoiros, concertos, así como visitas a centros escolares con concertos didácticos na provincia
- “Colaboramos coa Tradaescola para contribuír a fomentar e espallar as nosas tradicións, como o baile e a música tradicional galega, xa que entendemos que a través desta formación todo o alumnado pode adquirir unha formación integral nestas dúas especialidades”, avanzou a Deputada
- Este ano como novidade o Concurso de Debuxo sobre instrumentos de música tradicional, que chega á VII edición, ampliarase a todos os centros da provincia. Os participantes, alumnos de 1º, 2º e 3º de Primaria, teñen de prazo ata o dia 1 de marzo

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, participou este mércores nas clases de iniciación á gaita, percusión e acordeón que se imparten na TRADAESCOLA, e que contan co principal apoio da Deputación. Son un total de 10 mestres que dan clase a 270 alumnos da provincia co fin de promover e impulsar a música tradicional galega. 

Nela, García Porto puido comprobar os avances que realizan os estudantes coa música e o baile tradicional galego, e outro tipo de actividades como obradoiros, concertos, así como visitas a centros escolares da provincia para amosar o traballo que se imparte neste centro de formación especializado. O Goberno da Deputación colaboramos coa Tradaescola para contribuír a fomentar e espallar as tradicións do país, como o baile e a música tradicional galega, pois a  través desta iniciativa todo o alumnado pode adquirir unha formación integral nestas dúas especialidades

García Porto explicou que “nestas aulas impártanse clases de gaita, requinta, percusión tradicional, zanfona, baile tradicional, canto e pandeireta. Ademais de técnica vocal, acordeón, combo infantil, linguaxe musical, etnografía e investigación. Polo tanto estamos diante dun verdadeiro templo que promove, difunde e ensina a futuras xeracións as claves da nosa música e da nosa cultura”, resumiu.

 

Concertos pola provincia

Outra das iniciativas que ten en marcha a Tradaescola é a realización de concertos polos concellos da provincia. Dentro da súa programación, tamén están os concertos didácticos que realizan aos centros escolares da provincia no que xa participaron 4.000 alumnos. De feito, este ano xa visitaron os colexios de Baralla e Becerreá, e no que queda de tempada actuarán en Antas de Ulla, Portomarín, Vilalba ou Guitiriz, entre outros. Durante esta xornada os mestres amosan os sons de cada unha dos instrumentos cos que imparten clase, acompañados de bailes e por suposto a historia de cada peza musical.

 

Concurso de debuxo

A Deputada remarcou ademais que este ano como novidade o Concurso de Debuxo sobre instrumentos de música tradicional, que este ano celebra a VII Edición,  ampliárase a todos os centros da provincia. Poden participar os nenos e nenas que cursen 1º, 2º e 3º de primaria dos centros da provincia de Lugo, e teñen de prazo ata o 1 de marzo de 2019.

 

TRADAESCOLA

A Tradescola (Escola Tradicional) é un centro de formación especializado na música e no baile tradicional que está xestionado pola Asociación de Gaiteiros Galegos na cidade de Lugo, foi fundada no ano 2008. O seu centro esta ubicado nas instalacións do Colexio Eijo Garay de Lugo, e conta con 5 aulas para poder impartir as súas clases nas que na actualidade participan 270 alumnos con 10 mestres, e impártense 13 asignaturas.

 

O obxectivo deste proxecto é que os alumnos que participan nestas aulas poidan adquirir coñecementos, a través dunha base sólida que permita o seu desenvolvemento tanto na música como no baile tradicional. Tamén queren achegar a música e a cultura tradicional a toda a poboación, así como favorecer o desenvolvemento e a formación dos estudantes, e amosarlles a realidade social que vive actualmente estas tradicións. E por último dar unha perspectiva xeral do folclore galego e realizar actividades dedicadas á difusión e a promoción da musica e o baile tradicional.

 

Ademais como actividades complementarias para a súa formación todos os alumnos poden desfrutar de obradoiros, concretamente os de; técnica de gaita, xogos bailados, pandeiro, técnicas de percusión tradicional, programas informáticos aplicados á musica tradicional, canto tradicional, así como obradoiros e talleres para os máis nenos. Tamén realizan outro tipo de iniciativas como concerto de Nadal, o de Sons de Maio para conmemorar as Letras Galegas, ou o concerto de fin de curso cos que se pode gozar dun numeroso repertorio tradicional interpretado conxuntamente por alumnos e mestres.

Visita á Tradescola