O Goberno converte á Deputación na principal impulsora da XXII Feira do Butelo da Fonsagrada
- Fernández Queipo subliñou “nesta edición celebramos o recoñecemento da cita como Festa de Interese Turístico de Galicia, unha distinción pola que levábamos tempo traballando. Agardamos a máis de 5.000 persoas e a venta de 10 toneladas de butelo”
- Durante a feira actuará o grupo de música tradicional da Fonsagrada Antaruxas, e Sorteiros e Illa Pancha. Ademais, farase a entrega dos galardóns Butelo de Ouro, no Salón de Plenos do Concello, que este ano recibirán Pegerto Saavedra e Antón Santamarina
O Vicepresidente e Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, e a Deputada de Cultura, Pilar García Porto, presentaron este luns no Pazo de San Marcos a XXII Feira do Butelo da Fonsagrada, que se celebrará o vindeiro 23 e 24 de febreiro no municipio fonsagradino. O Executivo Provincial decidiu achegar 6.000 euros para a celebración desta cita gastronómica, sendo a principal administración patrocinadora do evento, co fin de promover os produtos autóctonos e dinamizar a actividade e a economía do rural.
Fernández Queipo subliñou que “nesta edición celebramos o recoñecemento como Festa de Interese Turístico de Galicia, unha distinción pola que levábamos tempo traballando. Esta é unha cita gastronómica xa asentada e enraizada no noso calendario pois celebramos a súa vixésimo segunda edición. Deste xeito agardamos que esta fin de semana, se igualen ou superen os datos doutras edicións: a asistencia de máis de 5.000 persoas e a venta de 10 toneladas de butelo”.
Fernández Queipo engadiu que “dende o Goberno da Deputación apostamos pola organización de eventos gastronómicos, como atractivo turístico e dinamizador da actividade económica, social e cultural da nosa provincia. Este evento enriquece o municipio non só os días propios da feira, senón ao longo de todo o inverno”.
63 expositores na feira
Esta XXII Feira do Butelo contará con 63 expositores no recinto nos que, ademais de ofrecer o produto estrela da feira, o butelo, estarán dispoñibles outros derivados cárnicos. Ademais de produtos alimenticios, na feira haberá tamén postos de artesanía tradicional, entre os que se encontran profesionais do coiro, cerámica ou xoiería. Tamén se poderán encontrar postos con outros produtos como doces, queixos e viño, concretamente de bodegas de Negueira de Muñiz.
Durante a feira tamén haberá actuacións musicais. Así, o grupo de música tradicional da Fonsagrada Antaruxas e Sorteiros e Illa Pancha amenizará o evento con música en directo. Por outra banda, farase entrega dos galardóns Butelo de Ouro, no Salón de Plenos do Concello, que este ano recibirán Pegerto Saavedra e Antón Santamarina, ambos membros da Real Academia Galega.
Programa da Feira
Sábado, 23
10:00 horas: apertura da carpa
12:30 horas: inauguración oficial da feira
13:00 horas: paseo polos diferentes postos da carpa
20:00 horas: peche da carpa
Domingo, 24
10:00 horas: apertura da carpa
12:30 horas: actuación do grupo de Música Tradicional Illa Pancha
13:00 horas: entrega do Botelo de Ouro no salón de plenos da Casa do Concello
13:30 horas: actuación de Antaruxas e Sorteiros
20:00 horas: peche da carpa