A Deputación acolle a presentación do Dicionario da comida galega, do abadexo á zorza, de Rodríguez Baixeiras
O libro é un importante elemento de promoción da gastronomía lucense. Os produtos da provincia son un valor en alza que contribúe a impulsar a economía en toda a provincia e a atraer cada vez a máis visitantes
O dicionario dedica varios espazos aos produtos lucenses con selo de Calidade, selo de Indicación Xeográfica Protexida e Denominacións de Orixe Protexida
O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, presentou este xoves na Deputación, o libro Dicionario da comida galega, do abadexo á zorza, que recolle un amplo listado de produtos gastronómicos galegos, entre os que se inclúen alimentos típicos da provincia de Lugo, cunha achega á súa importancia histórica para as distintas formas de vida, tanto na costa como no interior. No acto participaron tamén o Director de Aira Editorial, César Lorenzo Gil, o Director de Engaiolarte Edicións, Xan Carballa, e o autor, Xabier Rodríguez Baixeiras.
Este libro é un importante elemento de promoción da gastronomía lucense. Os produtos da provincia son un valor en alza que contribúe a impulsar a economía en toda a provincia e a atraer cada vez a máis visitantes. Así, este dicionario recolle a ampla variedade de produtos gastronómicos galegos e detense tamén no legado lucense, para percorrer a súa historia, a súa tradición no territorio e as súas distintas formas de elaboración.
A publicación dedica varios espazos ao grande abano de produtos elaborados na provincia con selo de Calidade, selo de Indicación Xeográfica Protexida e Denominacións de Orixe Protexida. Así, recolle a evolución gastronómica da pescada do pincho de Celeiro, ou do bonito de Burela, entre outros produtos do mar. Do interior, fai mención ao butelo da Fonsagrada ou á androlla de Navia. Destaca alimentos da horta lucense, como os grelos ou o pemento de Mougán; as catro Denominacións de Orixe Protexidas para os queixos; os distintos tipos de pan, ou os viños da Ribeira Sacra e os licores e augardentes de Portomarín.