Cultura
Deputación de Lugo

Cervantes acolle a estrea da curta Quijano, o burro da Escola rodada por alumnos do CEIP ás ordes de Oliver Laxe co apoio do SdeA

Cervantes
cultura
cine
Estrea da curta 'Quijano, o burro da escola'
Hoxe presentouse o audiovisual sobre a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses rodado “coa mirada, chea de sensibilidade e creatividade” do multipremiado Laxe

Coa estrea, culmina un proxecto dos alumnos do CEIP de Cervantes promovido pola AMPA do colexio e no que participaron alumnos do Centro de Formación Audiovisual

A presentación do filme, de algo máis de 7 minutos de duración, estivo aberta ao público e incluíu unha festa con photocall

O voceiro do  Goberno da Deputación, Álvaro Santos Ramos, participou este sábado na estrea da curta Quijano, o burro da escola rodada ás ordes do director Oliver Laxe por alumnos do CEIP de Cervantes co apoio do Servizo de Audiovisuais. Culmina así un proxecto dos rapaces promovido pola AMPA do colexio, membro do Órgano de Participación da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses. A presentación do filme, que estivo aberta ao público, incluíu unha festa con photocall.

Durante o acto, ao que asistiron Alcaldes da zona, tamén se presentou un vídeo sobre a Reserva da Biosfera elaborado por Oliver Laxe. Santos Ramos dixo que “este audiovisual, de algo máis de catro minutos, preséntanos a paisaxe dos Ancares e aos seus habitantes coa mirada deste director, chea de sensibilidade e creatividade. Ademais, aposta pola vida no rural e polo cine como ferramenta para sentirnos orgullosos da nosa esencia como pobo”.

O proxecto de Quijano, o burro da escola arrancou a finais de 2017 cun obradoiro sobre o guión e a preparación da curta a cargo dun profesor de luxo: o multipremaido Olvier Laxe. Os 38 alumnos de infantil e primaria do CEIP Cervantes decidiron realizar a película sobre un feito sinxelo da súa vida cotiá: o burro que pasa habitualmente a carón do seu colexio.

Colaboración da Fundación TIC
Para a rodaxe contaron coa colaboración da antiga Fundación TIC, o actual Servizo de Audiovisuais, que achegou o material necesario. Ademais, varios alumnos do Centro de Formación axudaron na gravación e encargáronse da montaxe”. Esta colaboración coa AMPA fixo posible “que os rapaces e rapazas do CEIP de Cervantes participasen e coñecesen in situ unha rodaxe, e que os estudantes do noso Centro traballasen ás ordes de Oliver Laxe, gañador de dous premios no Festival de Cannes”, apuntou Santos Ramos.

Implicación de Oliver Laxe cos Ancares
Santos Ramos valorou a aposta do multipremaido Oliver Laxe por crear riqueza na provincia a través do cine e lembrou que o director está ultimando a longa Aquilo que arde, rodada na súa maior parte nos Ancares, de onde é orixinaria a súa familia materna.

Estrea da curta 'Quijano, o burro da escola'