Cultura
Deputación de Lugo

A Deputación impulsa a investigación histórica da provincia coa edición do Premio Condado de Pallares

Chantada
cultura
Imaxe deputación de lugo
O certame de investigación recaeu nun traballo Tamara González sobre os apadriñamentos e bautismos no sudoeste da provincia de Lugo entre os s. XVI e XIX

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, xunto con outras autoridades, presentou o libro da X edición do Premio de Investigación Condado de Pallares, que recaeu na historiadora Tamara González López. O certame de investigación recaeu nun traballo sobre os apadriñamentos e bautismos no sudoeste da provincia de Lugo entre os s. XVI e XIX. O acto, que organiza a Asociación de amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, celebrouse na casa da Cultura de Chantada e conta co apoio da Deputación.

Baixo o título “Madriñas de brazo, padriños de pía’, a historiadora realizou un traballo a partir dos libros de bautismo da época moderna de sete parroquias, co que desenvolve unha brillante análise da vida familiar e social galega da época, tomando como fío condutor a institución do apadriñamento nesta zona. Concretamente analizou as parroquias dos Concellos de Carballedo e Chantada, foron as seguintes; Muradelle, Chantada, Asma, Cartelos, Nogueira de Miño, Aguada e A Cova.

Historiadora
Tamara González López (Carballedo, 1990) estudou o grao en Historia da Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente forma parte do proxecto de investigación “El monte comunal en Galicia desde comienzos de la Edad Moderna a la actualidad”. E no 2018 defendeu a súa tese doutoral sobre as practicas colectivas das comunidades parroquiais, facendo un especial énfase no bautismo e as redes sociais que creaba. Ademais, é autora de varios artigos e capítulos sobre apadriñamento e conflitividade social.E ten presentado as súas investigacións en congresos nacionais e internacionais. Dende o 2016 forma parte do Consello de redacción da Revista Alicerces, a edición de Estudos do Miño Medio que busca promover a investigación e difusión sobre a zona.

X Edición
Este certame está dotado con 3.000 euros e a publicación da obra, e premia traballos de divulgación sobre historia, lingüística, arqueoloxía, antropoloxía, etnografía e folclore no ámbito territorial dos concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo, xa que son as cinco localidades que no medievo integraban o Condado de Pallares. Nesta X Edición o xurado estaba composto por Carlos Baliñas Pérez, Gonzalo Francisco Fernández Suárez e Fernando Arribas Arias; tres profesionais do sector cunha traxectoria ampla e recoñecida.