Unha trintena de expositores participaron na IV Feira do Disco e Libro Galego en Monterroso
A feira acolleu a preto dunha trintena de expositores entre editoras, librarías, discográficas ou propostas de deseño e de artesanía. Ademais tamén se puido presenciar música en directo, presentación literarias e outras actividades
A Deputación contou cun stand propio no que se puideron mercar libros editados polo servicio de publicacións do organismo provincial. Deste xeito, expuxéronse 30 títulos diferentes, entre eles as últimas novidades
Monterroso acolleu, este sábado, a IV Feira do Disco e Libro Galego que se celebrou no recinto feiral da vila, coa colaboración da Deputación. A Asociación Cultural 25 Xastres organizou por cuarto ano consecutivo esta cita, un punto de encontro no que se pretendeu dar visibilidade e potenciar a difusión cultural co galego como lingua vehicular. O encontro reuniu a preto dunha trintena de expositores entre editoras, librarías, discográficas ou propostas de deseño e de artesanía. Ademais tamén houbo stands nos que se puido presenciar música en directo, presentación literarias, contacontos e outras actividades.
A Deputación contou cun stand propio no que se puideron mercar libros editados polo servicio de publicacións do organismo provincial. Deste xeito, expuxéronse 30 títulos diferentes, entre eles as últimas novidades: A Colección de Ourivería Antiga do Museo Provincial de Lugo, Museo Pazo de Tor. Guía ilustrada, In Roma Nata e Filosofía en plural.
Programa da Feira
Durante a IV Feira do Disco e Libro Galego déronse numerosos encontros con autores e músicos, tamén sinaturas de exemplares como os de Estefanía Padullés, Carlos Meixide, Ana Vila, Xosé Duncan, Strazz ou Adolfina Mesa; presentacións literarias como as de Toño Núñez, Yolanda Castaño, Diego Girález con Manrique Fernández e Francisco Castro, Inma López Silva, Alonso Montero con Daniel Salgado e Francisco Pardo, Eutropio Rodriguez ou Eva Mejuto ; presentacións musicais como as de Benxamín Otero con Germán Díaz, Fran Amil, Paco Nogueiras, Candorka Trío ou Zoelas.