Cultura
Deputación de Lugo

Últimas entradas para o concerto gratuíto de Fernando Barroso & Margarida Mariño, incluído no MusicAD

cultura
musicad
CENTRAD
Imaxe deputación de lugo
- A actuación do dúo formado por Fernando Barroso & Margarida Mariño terá lugar este sábado na sala de exposicións da Capela de Santa María. Interpretarán pezas que van dende o swing/jazz pasando pola música persa ou barroca e a música popular
- Actualmente Barroso é músico titular da Orquestra Sinfónica Vigo 430, do Ensemble Galería e do dúo Treme. A súa bagaxe internacional ao longo destes anos levouno a tocar en importantes escenarios de todo o mundo
- As entradas son totalmente gratuítas e poden retirarse na web www.ataquilla.com ata un máximo de dúas localidades por persoa. Das 200 dispoñibles, queda unha vintena

O dúo formado por Fernando Barroso & Margarida Mariño actuará o vindeiro sábado 23 de marzo, na sala de exposicións da Capela de Santa María de Lugo, ás 20:30 horas. É o cuarto dos cinco concertos da programación cultural do MusicAD, que organiza a Deputación, e nos que se pode desfrutar das tendencias, tanto nacionais como internacionais, do panorama actual da música folk.

Barroso, é un músico ferrolán, compositor e produtor galego que actúa acompañado pola violoncellista viguesa Margarida Mariño, quen recibiu clases de prestixiosos violoncellistas como Cristophe Coin, Barbara Switalska, Asier Polo e Herre Jan Stegenga e que tamén formou parte de diferentes orquestras a nivel internacional.

Actualmente Barroso é músico titular da Orquestra Sinfónica Vigo 430, do Ensemble Galería e do dúo Treme. Entre outros galardóns recibiu o Premio Opinión ao Mellor Artista Galego 2016. A súa bagaxe internacional ao longo destes anos levouno a tocar en importantes escenarios de todo o mundo, con diversas bandas e proxectos persoais, e que desemboca no inicio da súa carreira en solitario, presentando o seu primeiro disco Intropía en 2016 e este novo traballo, Silence lovers club – Mandolin Pieces en xaneiro de 2018.

Mandolin Pieces  é un repetorio orixinal de 12 temas para mandolina. A música deste traballo vén inspirada tanto por compositores clásicos doutras épocas como por instrumentistas actuais de diferentes estilos e lugares do mundo, pezas que van dende o swing/jazz pasando pola música persa ou barroca e a música popular.

Das 200 prazas dispoñibles para este concerto soamente quedan unha vintena. As entradas, que son totalmente gratuítas, poden ser retiradas na web https://entradas.ataquilla.com, ata un máximo de dúas entradas por persoa.

MusicAD
O programa cultural do MusicAD que promove a Deputación este ano inclúe dende música sefardí, irlandesa e escocesa, tradicional, clásica e por suposto a innovación e a experimentación de novos sons e novas voces. O sábado 30 de marzo terá lugar o derradeiro dos concertos da programación cultural do MusicAD coa actuación de Candorka Trío, formado por Brais Monxardín, Vadim Yukhnevich e Miguel Anxo.

Exposición No carro un latexar. Cultura popular no Folión de Chantada
O público que asista ao concerto tamén pode contemplar, na Capela de Santa María,  unha mostra fotográfica exposta sobre as tradicións e cultura galega, en especial a que xira en torno ao carro. Constituída por 25 imaxes de Lydia Castro a exposición ‘No carro un latexar. Cultura popular e identidade no Folión de Chantada’, permanecerá aberta ata o 30 de marzo