Cultura
Deputación de Lugo

A programación do MusicAD finalizou con éxito grazas a actuación do Candorca Trío

cultura
música
musicad
Concerto de Candorca Trío
Co concerto do Candorca Trío remata a programación do MusicAD, unha proposta que se levou a cabo para dar a coñecer as últimas tendencias dentro da música tradicional e o folk

Os concertos de Double-Double, Zoelas, Ana Alcaide, o dúo formado por Fernando Barroso & Margarida, e Candorka Trío foron todo un gran éxito por parte do público enchendo cada sábado a Capela de Santa María

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, participou este sábado no concerto do Candorka Trío que tivo lugar na Capela de Santa María. A actuación foi un éxito, a capela volveu a encherse un sábado máis e as entradas levaban esgotadas dende fai máis de tres semanas. Este concerto foi o último dentro da programación do MusicAD que organizou a Deputación, unha proposta que se levou a cabo para dar a coñecer as últimas tendencias dentro da música tradicional e o folk, tanto galego como internacional.

Durante o concerto, as voces deste trío musical formado por Brais Monxardín, Vadim Yukhnevich e Miguel Anxo López encheron a Capela de Santa María co seu primeiro traballo, FONSAGRADA, froito da complementariedade das inquedanzas destes tres músicos que conxugaron o repertorio gaitístico e vocal da comarca da Fonsagrada con sonoridades que proceden do jazz europeo, o rock ou a vertente clásica. Unha proposta  contemporánea que abrangue dende o son máis enérxico até o intimista. Este grupo apostou pola modernidade sen renunciar a melodías que aínda conservan a capacidade para definirnos nun mundo cada vez máis global.

Exposición
O público que asistiu ao concerto tamén puido contemplar a mostra fotográfica exposta na Capela de Santa María, que permanecía aberta ata hoxe día 30 , ‘No carro un latexar. Cultura popular e identidade no Folión de Chantada’, de Lydia Castro. Constituída por 25 imaxes, a exposición pretende poñer en valor a tradición e a cultura galega, en especial a que xira en torno ao carro

Concertos MusicAD
Os concertos de Double-Double, Zoelas, Ana Alcaide, o dúo formado por Fernando Barroso & Margarida, e Candorka Trío foron todo un gran éxito por parte do público, esgotando as entradas e enchendo cada sábado de marzo a Capela de Santa María, mostrando así un gran interese por estas iniciativas culturais na cidade.