A Praza de San Marcos acolle o espectáculo musical Canta, Miña Pedra, Canta e a función de danza Terra
A Praza de San Marcos acolleu, este mércores, o espectáculo musical Canta, Miña Pedra, Canta, de Xoán Curiel e Charo Pita e a función de danza de Terra, a cargo da Asociación Cultural Falcatrueiros, actuacións enmarcadas dentro da programación Semana das Letras Galegas organizada pola Deputación, as que un cento de persoas se achegaron para desfrutar dos espectáculos.
A Deputada de Promoción Social e Económica, Sonsoles López Izquierdo, participou no espectáculo musical Canta, Miña Pedra, Canta, no que o músico Xoán Curiel e a contadora Charo Pita achegáronlles aos máis pequenos cantigas e relatos populares recollidas por Antonio Fraguas en Aportacións ao Cancioneiro Cotobade, dando a coñecer ao público infantil a nosa tradición literaria e fomentando a normalización da lingua propia de Galicia.
A Asociación Cultural Falcatrueiros, de Monterroso, mesturou coreografías propias con bailes tradicionais na función de danza Terra. Preto de 40 persoas de todas as idades mostraron a cultura galega a través do baile, a pandeireta, e o canto.
A programación cultural da Semana das Letras Galegas comezou o pasado luns e contará, ao longo desta semana, con diversas actuacións musicais, espectáculos de danza, teatro, monicreques e con actividades nos centros educativos de toda a Provincia.
Programación Semana das Letras Galegas
Xoves 16 de maio
- Os Romeiros do Caracol espectáculo de monicreques e música. Monforte de Lemos.
- Concerto da Tradescola . Ás 18:30 horas na Praza de San Marcos.
- Concerto da Banda Filarmónica de Lugo. Ás 20:00 horas na Praza de San Marcos.
17 e 18 de maio
- Sesión vermú do Fa Ce La Fest con Chicharrón e Os Amigos dos Músicos. Xardíns da Deputación.
Domingo 19 de maio
- Letra Viva 2019 representación teatral de Palimoco Teatro. Ás 21:00 horas polas rúas do centro de Lugo.
Luns 20 de maio
- Canta, Miña Pedra, Canta de Xoán Curiel e Charo Pita. Ás 18:30 horas en Guitiriz