Centos de persoas desfrutan nos Xardíns da Deputación das cancións do grupo Chicharrón
O Voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, asistiu, este venres, nos Xardíns da Deputación, ao concerto de Chicharrón. Unha actuación celebrada co gallo do Día das Letras Galegas, á que centos de persoas se achegaron para desfrutar dunha sesión vermú incluída dentro da programación do festival Facela Fest.
Santos Ramos sinalou que “apostamos por este tipo de festivais, aportan á cidade un estilo de música alternativa con calidade. Este ano coincidiu co Días das Letras Galegas polo que ofrecemos dous concertos totalmente de balde nos Xardíns da Deputación. A música que vamos desfrutar e a de dúas recoñecidas e valoradas bandas galegas, que usan o galego para as súas cancións”.
O día 18 de maio nos Xardín da Deputación será a quenda do grupo Os Amigos dos Músicos. Ambas bandas musicais empregan o galego para as súas cancións, demostrando que tamén pode ser utilizado no pop electrónico e no pop-folk.
Chicharrón
O grupo comezou con forza no ano 2014 cun primeiro disco debut, Chicharrón, sorprendendo coas súas letras máis poéticas. Dous anos máis tarde grupo pasa de tres integrantes a cinco e sacan o seu segundo traballo ,Postal, un álbum con letras máis optimistas. No 2018 chega o terceiro traballo, Cancións Clínicas, un disco que non deixa indiferente a ninguén polas sensacións emocionais que crea.