Iria Estévez e a compañía Microefectos Dramatúrxicos actúan mañá dentro da programación Mulleres con Forza
Este mércores ás 20:00 horas, terá lugar unha nova actividade enmarcada dentro da programación Mulleres con Forza, posta en marcha por Deputación e Concello, co fin de achegar o feminismo á cidadanía. O Vello Cárcere acollerá dúas representacións; a obra de teatro Érase unha vez, da compañía Microefectos Dramatúrxicos e a actuación musical da cantante Iria Estévez que presentará o seu novo traballo en solitario Atlántica.
- Érase unha vez...: esta mostra teatral de microteatro, achega da man dos actores Conchi Madrina, Isabel Herrero e Raquel López os micromachismos ou machismos que poden atoparse nos contos infantís.
- Iria Estévez: a cantante representará no Vello Cárcere a súa nova proposta en solitario, Atlántica. Este disco transporta ás terras máis próximas e lonxanas, a través das músicas que navegan no mar: o fado, o son, a cantiga galega, musicas de Cabo Verde e Arxentina, que reflexan o eterno navegar. Iria Estévez é unha das cantantes máis valoradas da xeografía galega, que conta cunha ampla carreira profesional. A artista, que debutou no 2010 co grupo Clave de Fado, achega neste traballo o seu lado máis íntimo.
Mulleres con Forza
Esta programación, que comezou no mes de abril, inclúe dúas actividades máis que terán lugar no Vello Cárcere:
- 2 de xuño: ás 19:00 horas, Sonia Lebedynski, presentará o disco Desertos de centros.
- 7 de xuño: ás 20:30 horas, Najla Shami, presentará o seu traballo Ela sabe o sol.