Deputación de Lugo
Turismo

Máis de 2.000 quilos de cereixas poñeranse á venda na XVII Festa da Cereixa e do Aceite de Ribas de Sil

cereixas
XVII Festa da Cereixa e do Aceite de Ribas de Sil
Ribas de Sil
Máis de 2.000 quilos de cereixas poñeranse á venda na XVII Festa da Cereixa e do Aceite de Ribas de Sil
A cita terá lugar o 1 e 2 de xuño na Praia Fluvial de San Clodio e contará coa participación de 20 stands nos que tamén se poderá mercar mel, viño, pan, produtos da horta, licores ou artesanía. Haberá actuacións musicais e demostracións en vivo

Campos Conde sinalou que “dende o organismo provincial colaboramos con estas citas gastronómicas e turísticas para impulsar os produtos autóctonos e o comercio local, en definitiva, para pór en valor o mellor de cada un dos municipios da provincia”

O Presidente da Deputación en funcións, Darío Campos Conde, e o Deputado de Goberno Interior e Alcalde de Ribas do Sil en funcións, Miguel Ángel Sotuela Vega, presentaron, este xoves, nos xardíns do Pazo de San Marcos a XVII Festa da Cereixa e do Aceite, que se celebrará na Praia Fluvial de San Clodio, en Ribas de Sil, o vindeiro 1 e 2 de xuño. O Executivo Provincial colabora, cunha achega de 6.000 euros, coa celebración desta cita gastronómica, que reunirá a 20 stands de produtos autóctonos do Concello de Ribas de Sil. Ademais de 6 produtores de cereixas e de aceites, participarán produtores de mel, viño, pan, produtos da horta, licores ou artesanía. Poñeranse á venda máis de 2.000 quilos de cereixas e 300 litros de aceite.

Campos Conde subliñou que “dende o organismo provincial colaboramos con estas citas gastronómicas e turísticas para impulsar os produtos autóctonos e o comercio local, en definitiva, para pór en valor o mellor de cada un dos municipios da provincia, ao mesmo tempo que promovemos a chegada de visitantes e dinamizamos a actividade das nosas vilas. A Feira da Cereixa de Ribas de Sil é celebración xa asentada na provincia á que cada ano acoden máis visitantes”.

Sotuela Vega engadiu que “esta cita supón un importante reclamo turístico para coñecer o noso municipio e, en xeral, a nosa Comarca. Contamos coas mellores cereixas da zona e tamén cun aceite ecolóxico de gran calidade, un produto único de Ribas de Sil”.

Programación da cita


A cita arrancará o sábado, 1 de xuño, coas degustacións de cereixas, exposición de pinturas a cargo dos alumnos da Escola Municipal, partido de fútbol, pasarrúas e espectáculos musicais. O domingo, ademais de continuar coas mostras e a animación, terá lugar o pregón a cargo do fotógrafo José Antonio Arias Parga. Pola tarde celebrarase a demostración de cantería a cargo do artesán José Luís López Rodríguez e actuacións musicais a cargo do grupo de gaitas O Recanto e a actuación de Paco Nogueiras co espectáculo Radio Bulebule.