Cultura
Deputación de Lugo

A Deputación pon en marcha unha nova edición do Certame Condado de Pallares de investigación

cultura
investigación
Premio Condado de Pallares
XIII Certame Condado de Pallares
A Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, organizan a XIII Edición deste certame de investigación lingüística, histórica, artística, arqueolóxica, antropolóxica, etnográfica ou folclórica nos concellos do antigo Condado

García Porto explicou que “este certame supón un gran impulso para os investigadores, que reciben 3.000 euros e a edición do seu traballo. A investigación neste eido debe estar apoiada desde as institucións e valorada pola sociedade”

A Deputada de Cultura en funcións, Pilar García Porto, presentou este venres no Museo Provincial de Lugo a XIII Edición do Certame Condado de Pallares, que organiza a Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares. Durante a presentación estivo acompañada do Presidente da Asociación, Carlos Vázquez García, e dos alcaldes dos concellos que conformaron o Condado de Pallares.

García Porto explicou que “o coñecemento da nosa historia, da nosa cultura, da nosa lingua e do noso patrimonio é necesario para poder conservalos. O traballo de investigación neste eido debe estar apoiado desde as institucións e valorado pola sociedade e polas asociacións, como fan os Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, que manteñen viva e en constante evolución as nosas tradicións. Este certame supón un gran impulso para os investigadores, que reciben 3.000 euros e a edición do seu traballo”.

O Condado de Pallares, un dos once condados nos que se dividiu a Diocese de Lugo no século VI, abarca os concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo, os traballos que se presenten ao certame deberán versar sobre temas lingüísticos, históricos, artísticos, arqueolóxicos, antropolóxicos, etnográficos e folclóricos, cinguidos a este ámbito territorial, ademais deberán ser inéditos e estar escritos en lingua galega, axustados á normativa do 2003. O prazo de presentación dos textos rematará o 30 de setembro de 2019.

Bases do concurso
As bases do Certame de Investigación do Condado de Pallares son as seguintes:

1.    Poderán participar todas as persoas que o desexen, sempre que presenten escritos orixinais e inéditos en lingua galega, axustados á normativa de 2003, sobre temas lingüísticos, históricos, artísticos, arqueolóxicos, antropolóxicos, etnográficos e folclóricos, cinguidos ao ámbito territorial dos concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo.

2.    A extensión dos escritos é ilimitada, e contarán cun mínimo de cen folios. Deberán ser presentados por cuadriplicado, en formato DIN A4, mecanografados a dobre espazo e por unha soa cara con tipografía TimesNew Roman, tamaño 12. Xuntarase tamén unha copia en formato dixital.

3.    Os orixinais serán enviados por correo certificado, baixo plica, no que figurarán os datos do autor/a, o lugar de residencia, teléfono e currículo, ao seguinte enderezo: Asociación de amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, Casa reitoral, Nº 6 – Ferreira de Pallares – 27211 Guntín (Lugo), indicando no sobre: XIII Certame Condado de Pallares. O Prazo de presentación rematará o 30 de setembro de 2019.

4.    Establécese un único premio de 3.000 euros que será outorgado ao autor/a da obra que reúna suficientes méritos científicos. O premio poderá ser declarado deserto.

5.    O Xurado estará composto por tres membros de recoñecido prestixio do mundo da cultura galega, designados polas institucións que convocan o certame. Actuará de secretario un directivo da Asociación, con voz e sen voto.

6.    O Xurado emitirá o seu fallo nun acto que se celebrará o día 9 de novembro de 2019.

7.    O acto de entrega do citado premio será na Casa de Cultura de Guntín no día, lugar e hora que se comunicará oportunamente.

8.    As institucións resérvanse todos os dereitos sobre o traballo gañador, incluído o da súa publicación na primeira edición sempre e cando as achegas económicas permitan a publicación do mesmo. Neste caso, a obra gañadora será publicada na normativa oficial e a organización entregaralle 25 exemplares.

9.    Os orixinais non premiados serán enviados aos autores/as e ao seu cargo, nun prazo de tres meses, sempre que o soliciten por escrito. Transcorrido dito tempo, serán destruídos.

10.    A participación nesta convocatoria requirirá a aceptación de todas as normas contidas nestas bases, así como as decisións do xurado que se designe. O seu fallo será inapelable.

 

XIII Certame Condado de Pallares