Cultura

“Tórdea. O asento da tradición” amosa o secular oficio dos silleiros no Centrad

TÓRDEA
CENTRAD
SILLEIROS
Maite Ferreiro e Efrén Castro participaron na emotiva inauguración da mostra, que reuniu no Centrad á veciñanza desta parroquia de Castroverde

A Vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, e o Deputado de Deseño e Artesanía, Efrén Castro, inauguraron este venres no Centrad a mostra “Tórdea. O asento da tradición”, que pon en valor a tradición dos silleiros desta parroquia de Castroverde.

 

Os artesáns José Luis Castro e Mario Lombardía, depositarios dun saber acumulado durante séculos, amosaron ao público o proceso de elaboración das cadeiras e asentos, feitos de madeira e “xunga”.

 

A inauguración da mostra reuniu no Centrad á veciñanza de Tórdea, que lembrou os tempos en que a sillería contribuía ao sustento de boa parte das familias da parroquia.

 

A Vicepresidenta da Deputación destacou “que a elaboración de sillas era un complemento económico para as familias de Tórdea, única parroquia con esta tradición. Durante o verán, as familias dedicábanse ás tarefas agrícolas e gandeiras, e aproveitaban o inverno para facer as sillas”.

 

Maite Ferreiro agradeceu o traballo da Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, que promoveu a mostra, e da Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar Porto, que xestionou o proxecto nos últimos meses da pasada lexislatura. 

 

A exposición manterase aberta ata o 22 de decembro.