Cultura

A segunda mostra 'O Poder da Presenza. Eliminando os límites autoimpostos' permanecerá aberta ata o 18 de decembro

rede museística
Inauguración O Poder da Presenza
A exposición da Rede Museística, amosa obra das galegas Ana Kala, Luz Darriba, Mónica Alonso, Nuria Lago, Paula Noya, Reme Remedios, Ruth Lodeiro, Ruth Montiel Arias, Yolanda Dorda e Xisela Franco, as asturianas Emma Fernández Granada e Natalia Pastor, e as castelán-leonesas Mariña Núñez e Yolanda Santamaría.

A segunda edición da exposición colectiva  O Poder da Presenza. Eliminando os límites autoimpostos, comisariada por Mujeres Mirando Mujeres e patrocinada pola da Rede Museística, súmase a programación da área de Cultura da Deputación como parte do proxecto 'EU... TI... ELAS... NOSOUTRAS, NOSOUTRXS EN REDE'.

Mujeres Mirando Mujeres é un proxecto de arte e xénero que celebrou xa a súa V edición, cuxo obxectivo é poñer en valor e dar visibilidade ao traballo de mulleres artistas e axentes de arte. Con O poder da Presenza. Eliminando os límites autoimpostos dá continuidade ao proxecto expositivo iniciado o ano pasado dando o salto do plano virtual ao espazo físico.

Seguindo o ronsel desa primeira edición na que se presentou o traballo  de artistas, xestoras e comunicadoras das tres primeiras edicións de Mujeres Mirando Mujeres, presentaranse, nesta ocasión, o traballo de 14 artistas procedentes de Galicia, Asturias, Castela e León e Cantabria, participantes nas cinco primeiras edicións de MMM.

A maior parte das obras da mostra, que permanecerá aberta ata o 18 de decembro, atópanse na sala de exposicións do Pazo de San Marcos, pero a exposición esténdese a todos os museos da Rede Museística Provincial. Así, poderá verse a obra de Natalia Pastor no Museo Provincial de Lugo, de Reme Remedios no Museo Fortaleza San Paio de Narla, de Ruth Lodeiro no Museo Provincial do Mar, e de Xisela Franco, no Museo Pazo de Tor. Nestes casos, farase unha relectura das obras para xerar un diálogo reivindicativo e natural coas obras dos propios museos.