Lugo será a sede da Conferencia Internacional sobre Museoloxía Social de MINOM-ICOM
Lugo, 3 de febreiro de 2020.- No vindeiro mes de xuño, os catro Museos da Rede Museística, xunto con Lisboa, serán a sede da Conferencia Internacional do Movemento Internacional para unha Nova Museoloxía, que procura uns espazos museísticos máis abertos e integrados no territorio e nas comunidades das que forman parte.
A Vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, e a Xerente da Rede Museística, Encarna Lago, nun acto no Museo Provincial de Lugo presentaron este foro. No acto, tamén participaron Ana Goy Diz, do Centro de Estudios da Cidade da USC, Mario Chagas, de MINOM-Museo da República de Brasil, e Mário Moutinho, de MINOM Portugal - Universidad Lusófona de Lisboa, que integran o comité organizador. Os dous últimos interviron a través de videoconferencia.
Trátase da vixésima edición desta Conferencia, que terá lugar os días 22 e 23 de xuño en Lisboa e 25, 26 e 27 en Lugo, e contará coa colaboración da UNESCO, Ibermuseos, ou ICOM, entre outras intitucións. Baixo o título: “Cara a unha museoloxía 4D: social, política, ambiental e economicamente sustentábel” o MINOM desenvolverá nos catro Museos da Rede un espazo de reflexión comprometido coa filosofía da museoloxía social e coas estratexias de sustentabilidade.
Maite Ferreiro destacou “a importancia deste evento, que se celebrará por primeira vez en Galiza, e tamén no Estado Español” e agradeceu a MINOM a elección da Rede Museística como sede, “un recoñecemento ao traballo que desenvolve esta entidade e un escaparate internacional para os seus museos e por extensión unha oportunidade para a proxección da nosa cultura”.
Encarna Lago explicou que este é “o evento máis importante da museoloxía internacional, e que pon o foco en Lugo e na forma de traballar da Rede Museística, onde a prioridade son as persoas”.
MINOM
O Movemento Internacional para unha Nova Museoloxía foi fundado en 1985 en Lisboa, durante o Segundo Obradoiro Internacional de Nova Museoloxía, pero os seus principios ideolóxicos nacen na Declaración de Santiago, asinada en Chile en 1972. Forman parte do MINOM institucións de 11 países que traballan fomentando a participación cidadá dentro das organizacións museísticas, a recuperación da memoria e poñendo en valor o patrimonio cultural, natural e a diversidade cultural.
Esta será a primeira vez que dúas nacións organicen a Conferencia Internacional, as prazas para asistir son limitadas e a matrícula xa está aberta para as persoas interesadas, que deberán enviar un correo electrónico XxconferenciaMINOM@gmail.com.