Cultura
Deputación de Lugo

Zoelas trae os seus sons corais ao Pazo de San Marcos para homenaxear a Rosalía

ZOELAS
MES DE ROSALÍA
ÁREA DE CULTURA
DÍA DE ROSALÍA
concerto
O concerto, que se celebrará este venres ás 20.00 horas, está incluído na programación Mes de Rosalía organizada pola área de Cultura

O grupo Zoelas trae a súa proposta musical ao Salón de Actos do Pazo de San Marcos, este venres ás 20.00 horas, dentro da programación que organiza a área de Cultura, Patrimonio e Normalización Lingüística arredor do Día de Rosalía.

A banda con orixes na comarca da Ulloa e que recolle o seu nome dunha tribo prerromana mostrará os seus sons con raíces na música tradicional galega mesturada con melodías doutros estilos como a bossa nova, o jazz, o blues ou o reggae.

As voces de Beatriz García, Pilar Naveira, María Bouzas, Érica García e Patricia Coucheiro están acompañadas de instrumentos como a requinta, a guitarra, a zanfona, o acordeón e a percusión, creando un espectáculo que mestura cancións orixinais con coplas recollidas.

Evelaités, publicado en 2018, é o primeiro álbum gravado polo grupo que inclúe no seu repertorio pezas como “Ruleando” ou “Rosalía en blues”, con letras de poemas de Rosalía de Castro.

Mes de Rosalía

Este concerto enmárcase dentro do Mes de Rosalía, unha programación cultural coa que a área de Cultura  busca poñer o foco no aniversario da escritora, e traballar pola oficialidade da data.

O sábado 22 terá lugar unha lectura pública da obra de Rosalía organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega no parque Rosalía de Castro en Lugo. A música de Germán Díaz acompañará o acto en que o escritor Daniel Asorei lerá un manifesto centrado no fénomeno da emigración e do que significou para Galiza.