Cultura
Deputación de Lugo

Lugo Cultural presenta a súa programación de teatro e danza para a última semana de marzo.

Lugo Cultural
USC
Maite Ferreiro
Festival de teatro Universitario
Encontro universitario de Danza
Presentación teatro e Danza
Do 27 ao 31 terá Lugar o XXVI Festival de Teatro Universitario e entre os días 27 e 28 o XVIII Encontro Universitario de Danza.

Lugo, 10 de marzo  de 2020.-  A última semana de marzo contará cunha ampla programación cultural da man do XXVI Festival de Teatro Universitario e do XVIII Encontro Universitario de Danza, iniciativas que forman parte do convenio Lugo Cultural que manteñen a Deputación, o Concello de Lugo e a USC.

A presentación das actividades tivo lugar este martes na Vicerreitoría da USC, coa participación da vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, o coordenador da Aula de Teatro da USC no Campus de Lugo, Sergio Zaerreta, e  o director do Espazo de Danza da USC, Juan Carlos Zahera.

Ferreiro destacou que: “son programacións moi consolidadas e valoradas polo público que ateigan de vida as instalacións municipais. É un pracer colaborar coa USC, unha institución aberta e creativa que, ademais, sempre está disposta a contribuír para encher Lugo de actividades culturais”.

Valcárcel puxo en valor “o afán que temos na USC para que a formación do noso alumnado non sexa simplemente académica e darlle importancia á formación transversal, e á apertura da Universidade á sociedade”.

XXVI Festival de Teatro Universitario
O Festival de Teatro reunirá, do 27 ao 31 de marzo, a 4 compañías: a Compañía de Teatro USC-Lugo, a Compañía de Teatro USC-Santiago de Compostela, a Compañía El Mayal Ule de León e a Aula de teatro universitario de Ourense, Maricastaña. Todas actuarán no Auditorio Gustavo Freire con entrada gratuíta. Ademais, o domingo 29 terá lugar o Mosaico, unha mostra de miniproxectos por parte de estudantes de Arte Dramática ou de persoas que estiveran nas Aulas de Teatro da USC.

Desde a Aula de Teatro da USC, no Campus de Lugo, recordaron que o día 27, ás 12.00 horas, haberá un pase especial para institutos da obra Ubú Rei.

Tamén, o venres 27, co motivo do Día internacional do Teatro, a praza Maior de Lugo acollerá a lectura dun manifesto por parte das compañías de teatro da cidade.


XVIII Encontro Universitario de Danza
“O encontro pretende achegar a danza universitaria á cidade” explicou Zahera. O programa deste ano inclúe a participación de 6 compañías, que actuarán entre os días 27 e 28 no pavillón central do Vello Cárcere, con entrada libre ata encher a capacidade do espazo.