Cultura
Deputación de Lugo

Lugo Cultural retoma a súa actividade con concertos e curtametraxes

Lugo Cultural
Maite Ferreiro
Lugo Cultural na Terraza do Domus
Recupérase a programación dos ciclos Lubicán e Noites na Domus, que durante os meses de verán complementará a oferta cultural da cidade.

Tamén volve o certame audiovisual Findecurta, a gravación das curtametraxes terá lugar entre os días 26 e 29 de xuño.

Lugo, 18 de xuño de 2020.- A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, e o adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, Jesús Varela Zapata, anunciaron este xoves que a programación de Lugo Cultural comezará de novo o vindeiro 25 de xuño, retomando os concertos que quedaron aprazados por mor da crise sanitaria.

Nesta programación recupéranse os concertos programados tanto no ciclo Lubicán como das Noites na Domus, coa intención de apoiar aos artistas que xa tiñan concertadas datas na cidade.

Maite Ferreiro explicou que: “durante dous meses este programa vai completar a oferta cultural en Lugo, para que a veciñanza e todas as persoas que se acheguen a Lugo poidan desfrutar da nosa gastronomía e do noso patrimonio; e sabendo, ademais, que vai haber unha programación cultural estable creada grazas a colaboración das institucións”.

Os músicos e artistas actuarán desde a terraza da Domus de Mitreo, dando a coñecer un espazo público “descoñecido e invisible para a veciñanza, e que polo tanto tampouco pode ser valorado, algo necesario para a conservación do patrimonio” destacou a vicepresidenta, mentres que o público estará sentado no adro da Catedral. Os concertos serán gratuítos, sendo necesaria a recollida de entradas nos servizos culturais da USC para asegurar as medidas sanitarias e de hixiene indicadas polas autoridades. En caso de choiva, os concertos trasladaránse ao interior da Casa do Saber, dividindo as actuacións en dous pases.

Findecurta

Outra iniciativa de Lugo Cultural que se volve poñer en marcha é o certame audiovisual
Findecurta, que terá lugar entre o 26 e o 29 de xuño. Posteriormente celebrarase a proxeción das curtas participantes, na que os asistentes poderán votar pola súa obra favorita. As curtas elixidas tanto polo público como polo xurado participarán na 42ª Edición da Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo, competindo polo Premio do Público á Mellor Curtametraxe Galega.

“Neste momento, máis que nunca, é importante axudar as novas e os novos creadores, apoiar e potenciar o seu talento, por iso é importante que tamén cheguen ao público. Findecurta é un desafío, os traballos debe incorporar as enxeñosas normas e requirimentos dados pola organización, co obxectivo de potenciar a creatividade e tamén de pasalo ben e desfrutar da experiencia”, destacou a vicepresidenta.