Cultura
Deputación de Lugo

O 26 de xuño retómanse as visitas aos museos da Rede Provincial, que seguirán potenciando as actividades virtuais que desenvolveron nestas semanas

rede museística
Maite Ferreiro
Visita virtual museo
As visitas organizaranse dacordo con normas para preservar a saúde colectiva

A capacidade e o tempo de permanencia adaptaranse aos espazos e características específicas de cada museo

Os percorridos, marcados para manter a distancia interpersoal, manterán as condicións de accesibilidade, que a Rede prioriza en todas as súas actividades

Lugo, 19 de xuño de 2020.- A vicepresidenta Maite Ferreiro adiantou que os catro museos da Rede Museística Provincial retomarán as visitas presenciais o vindeiro 26 de xuño. O Museo Provincial de Lugo, o Museo Provincial do Mar de San Cibrao, o Museo Pazo de Tor e a Fortaleza de San Paio de Narla volverán recibir público presencialmente tras semanas dunha intensa actividade virtual, ofrecendo contidos e actividades adaptadas á situación sanitaria.

 

A Rede Museística Provincial estableceu diferentes medidas para que as visitas se fagan coas máximas garantías de seguridade. A capacidade e tempos de permanencia nos museos adaptáronse e limitáronse segundo as dimensións e características de cada espazo. O uso de máscara será obrigatorio para todas as persoas que accedan aos museos. Ademais, os catro museos contan con dispensadores de solucións hidroalcólica á entrada e á saída, para facilitar a hixiene de mans.

 

No interior, sinalizáronse itinerarios de forma que os visitantes farán percorridos pensados para que poidan ver as coleccións e exposicións mantendo a distancia interpersoal de 2 metros. O persoal do museo estará pendente de facer as recomendacións necesarias neste sentido, contando tamén coa responsabilidade individual para o seu cumprimento.

Os percorridos serán accesibles para todas as persoas, manténdose así o carácter inclusivo que a Rede busca en todas as actividades que desenvolve.

 

Poderanse seguir concertando visitas guiadas pero a reserva será individual ou para grupos de familiares ou persoas que convivan habitualmente, cun máximo de seis persoas. Os museos permanecerán abertos de martes a domingo, de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas.

 

Os horarios, así como as medidas de protección e as restricións de tempo e capacidade para as visitas, poderán sufrir variacións en función da situación sanitaria.

 

Segue a programación virtual

 

Maite Ferreiro agradeceu o “traballo que o persoal da Rede Museística Provincial fixo para xenerar contidos e actividades virtuais durante este tempo, colaborando e ofrecendo materiais a todo tipo de colectivos, asociacións e centros educativos”.

 

Desde o primeiro día de restricións, a Rede Museística ofreceu unha programación en liña que se foi diversificando cada semana, baixo o epígrafe “Museal: a vacina que te inmuniza”, con actividades e contidos para diferentes públicos. Entre outras novidades, púxose en marcha a visita virtual ao Museo Provincial de Lugo.

 

Ademais, o persoal da Rede participou en distintas actividades de formación, con persoas expertas de museos europeos e americanos, así como en grupos de traballo e relatorios internacionais da man, entre outras institucións, do Icomos.

 

A vicepresidenta e deputada de Cultura expilcou que “a intención é manter a actividade virtual tamén a partir de agora, porque se comprobou durante este tempo que estas actividades funcionan como reclamo para atraer novas visitas e tamén como canle para facilitar o achegamento aos museos de moitas persoas que quizais non farían unha visita presencial”.